Javier Cumplido: «En 15 días pasamos da depresión á euforia, adaptámonos moi rápido»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

SOCIEDAD

BASILIO BELLO

O presidente do grupo de empresas BNI Dolmen, que abarca 55 negocios distintos na zona, di que apenas notaron a crise do coronavirus

10 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O xerente do Grupo Benedicto, Javier Cumplido Suárez (Vimianzo, 1976), volve presidir dende comezos de abril o BNI Dolmen (Business Network International), un grupo de negocios que recentemente se creou na comarca seguindo o modelo estadounidense para tratar de apoiarse uns sectores aos outros e así lograr chegar a máis clientes. Suple no cargo a outro soneirán como é Vicente Domínguez, de Cárnicos Domínguez.

-Como lles está afectando a crise derivada do coronavirus?

-Aféctanos como a todo o mundo. Temos casos, como un hotel, que segue parado, ou unha clínica de fisioterapia, que aínda abriu esta semana, que a sufriron máis. O resto, a verdade é que, de momento, non a notamos. Iso si, moitas empresas tiveron que reestruturar os seus obxectivos En quince días pasamos da depresión á euforia. Adaptámonos moi rápido ó novo contexto.

-En liñas xerais, que sectores foron os máis prexudicados?

-Negocios que centraban gran parte da súa actividade na hostalaría, víronse obrigados a buscar novos mercados, o que non quere dicir que abandonen para sempre o outro, senón que potenciaron outras liñas. É o caso de Pulpo de Camariñas ou de empresas de produtos de limpeza. A clave está en que ao ser moitos, hai multitude de ideas, e entre todos podemos facer ver unha situación non tan negra, con máis alas de esperanza de cara ao futuro. Isto é como todo, os estados anímicos son moi importantes.

-Vostedes reúnense cada semana en Carballo para traballar novas liñas de actuación. Como abordaron esta situación?

-Pois para empezar, as xuntanzas pasaron a ser telemáticas e funcionan exactamente igual ou incluso mellor, porque agora ves que hai posibilidades de facer cousas sen asistir ós sitios. Incluso cos clientes, a través das videochamadas, non tes nin perdas de tempo nin gastos por desprazamentos. Dentro do que son as propias xestións, cada un sabe a tipoloxía de cliente que ten, a que busca... Iso non mudou. Hai que analizar ben as necesidades e no que nos podemos axudar, porque isto último é a clave. Se tes un equipo de 50 persoas é moito máis fácil continuar no mercado que cando só tes 8.

«No que son as superficies deportivas estamos traballando ao 150 por cento»

A crise derivada polo covid-19 fixo que algúns negocios desen o salto ao mercado nacional, como foi o caso de Cárnicos Domínguez en Baíñas.

-Dentro do malo, a pandemia trouxo aspectos moi positivos como este.

-Si, trátase de empresas que teñen infraestruturas para iso. Hai outras ás que non lles interesa o ámbito nacional. Pero si que é certo que grazas aos BNI de outras zonas de España é máis doado dar ese salto. E nestes momentos, nos que nos comunicamos por Internet, aínda máis.

-No caso do seu negocio, como se viu afectado?

-Eu traballo en dúas liñas. No sector agrícola, que é un mercado local e de autoconsumo, ao ser de primeira necesidade seguimos funcionando adaptándonos ás normas. No que é a xardinería, estamos especializados en superficies deportivas como poden ser as do fútbol. Traballamos con licitacións públicas a nivel concello en todo o país. E estamos funcionando ao 150%, porque ao estar parado o deporte, increméntanse os mantementos e incluso se requiren de novos servizos como as desinfeccións, que nos xa executabamos antes.

«Contamos con finalizar o ano con tres millóns de facturación. Levamos 1,8»

O BNI Dolmen acabou o pasado mes de decembro como o primeiro de España entre estes grupos de negocios en base a unha serie de indicadores. Ademais, con 45 autónomos facturou 2 millóns de euros.

-Como ven este ano con todo o que está pasando?

-Imos polo quinto mes e levamos facturados 1,8 millóns, ou sexa que a este ritmo contamos con finalizar o ano con 3 millóns de facturación. Os primeiros quince días foron caóticos, pero a día de hoxe facturamos a ritmos habituais.

-Neste 2020 hai dez empresas máis no grupo, pero aínda quedan sectores por abarcar, non?

-Si, en construción, servizos e transportes, por exemplo, quedan varias profesións por abarcar. Pode parecer incrible, pero cada sector dá para moitísimo, e moitos deles son complementarios.

-Quizais este sexa un bo momento para que máis negocios se incorporen ó BNI da Costa da Morte.

-Eu animo a todo o mundo a que coñeza como funcione e saque conclusións. Iso si, require traballo, sacrificio, ambición, ganas de axudar... É un esforzo que non sae gratis. Pero polo outro lado abres puntos de vista cos demais compañeiros, ves o que mellor pode funcionar. É máis importante o que se aprende en torno a isto ca o negocio en si. Son leccións continuas e reais, un máster.

-Como lle influíu a vostede pasar a formar parte deste grupo?

-Esto facendo moitos cambios en obxectivos, tipos de obras e tratamento cos empregados. Respecto a isto último, busco como tratalos para traballar mellor e involucralos máis, porque está demostrado que se a empresa ten un bo equipo funciona mellor. Pero aínda queda moito por mellorar.