A Deputación de Lugo merca 212.000 unidades de protección contra o coronavirus

la voz LUGO

SOCIEDAD

Reparto de mascarrillas casa por casa en Monforte
Reparto de mascarrillas casa por casa en Monforte ALBERTO LÓPEZ

Destinarase ao persoal propio da institución, usuarios dos servizos e aos concellos da provincia

06 may 2020 . Actualizado a las 17:10 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa de que a institución provincial realizou un novo pedido de 212.000 unidades de material hixiénico-sanitario de protección fronte ao coronavirus Covid-19. Tomé asinou un decreto que ordena a contratación do subministro dun total de 131.200 mascarillas, 100.000 luvas, 4.000 calzas, 3.000 gorros e 100 xeles hidroalcólicos, por un importe de case 113.500€ con fondos propios.

O mandatario provincial explica que se adquire este material para a protección fronte ao virus do persoal propio da Deputación, das persoas usuarias dos servizos públicos que presta a institución, como son por exemplo os centros de atención a maiores de Pol, Trabada, Ribadeo e A Fonsagrada, e tamén para a súa distribución na provincia.

O presidente envíou este mércores unha carta aos alcaldes e alcaldesas dos concellos de menos de 20.000 habitantes (todos, agás Lugo) para informalos de que a través do persoal do Parque Móbil vaise desenvolver en vindeiras datas a segunda fase do reparto de mascarillas cirúrxicas para a protección da veciñanza fronte ao Covid-19. No escrito, avánzalles que a Deputación entregará outras 72.000 unidades para a poboación adulta e 25.000 para os nenos e nenas de ata 14 anos de idade.

60 % poboación adulta e 100 %, a infantil

Deste xeito, sinalan desde o goberno provincial, a Deputación de Lugo, con recursos propios, chegará ao 60 % da poboación adulta e ao 100 da poboación infantil menor de 14 anos censada nos municipios da provincia de ata 20.000 habitantes. «Esperamos que a Xunta de Galicia cubra o resto da poboación e dea continuidade ás necesidades que poidan darse proximamente. Hai que lembrar que as competencias en materia de Sanidade seguen sendo exclusivas da Comunidade Autónoma, polo que é a súa responsabilidade repartir este tipo de material de protección á cidadanía», recalcou José Tomé.

O presidente provincial lembra así mesmo que o Posto de Mando Avanzado da Xunta de Galicia centraliza as peticións dos concellos en relacións coas necesidades de material, en coordinación coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), tal e como publicou o Diario Oficial de Galicia o 22 de marzo. Pero explica que malia que «as competencias non residen na institución provincial, a Deputación decidiu realizar estas entregas financiadas con recursos propios para cooperar cos concellos e reforzar o abastecemento».

En concreto, este novo pedido está composto por 100.000 mascarillas cirúrxicas, 6.200 mascarillas FFP2, 25.000 mascarillas infantís, 80.000 luvas, 100 pantallas protectoras, 330 xeles hidroalcólicos, 20 botes de alcol e 100 dosificadores automáticos. A cantidade de material adquirida pola Deputación está amparada, informan desde o gobero provincial, nun informe técnico elaborado polos servizos provinciais de Prevención de Riscos e Benestar Social no que determinaron as necesidades a cubrir. «En canto recibamos o material comezaremos a entregalo nos concellos cos medios do Parque Móbil», subliñou o presidente, quen detallou que a maior parte das empresas ás que a Deputación contratou a subministración pertencen á provincia de Lugo, o que tamén contribúe á dinamización do tecido económico.

«A Deputación é a institución máis próxima aos concellos, e polo tanto á veciñanza, e temos que estar con eles para afrontar a crise do coronavirus unidos e en total coordinación e cooperación, e máis nestes momentos, nos que sobre todo os pequenos municipios, que contan con menos recursos, dificilmente poden encarar os novos escenarios que están xurdindo. É aquí onde temos un papel clave, facilitando que dispoñan de recursos para atender aos seus veciños e veciñas», subliña o presidente.