Abraham Cupeiro: «Eu xa din o ano por terminado»

Laura López LA VOZ / LUGO

SOCIEDAD

Óscar Cela

O músico sarrián cancelou máis de 30 concertos, entre eles, no que ía participar en Lorient con motivo do 50 aniversario do festival intercéltico

05 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A crise pola pandemia do covid-19 está castigando con dureza o sector cultural. «Eu xa din o ano por terminado». Así de contundente se mostraba onte Abraham Cupeiro, músico, compositor, construtor e multiinstrumentista sarrián de recoñecido prestixio internacional que recupera instrumentos musicais milenarios. O artista cancelou xa máis de trinta concertos por diferentes países, entre eles, no que ía participar en Lorient (Francia) con motivo do 50 aniversario do festival intercéltico que reúne cada verán a case un millón de persoas nesta vila bretoa.

O consello de administración do Festival Interceltique de Lorient (FIL) acordou aprazar a edición deste 2020 logo de que o primeiro ministro francés anunciase que os grandes acontecementos deportivos e culturais con máis de 5.000 participantes non poderían celebrarse antes de setembro. Deste xeito, a edición número 50 terá lugar do 6 ao 15 de agosto do 2021.

O músico moañés Anxo Lorenzo e o sarrián Abraham Cupeiro foron seleccionados polo FIL para a presentación en primicia da nova creación Finisterres celtiques, prevista para o 10 de agosto en Lorient xunto á Orquestra Nacional de Bretaña, e baixo a batuta de Grant Llewellyn. Esta obra é a culminación de seis anos de colaboración entre o Festival e a Orquestra Nacional de Bretaña. Compositores de diferentes países (Ramón Prada, Asturias; Frédérique Lory, Bretaña; Paul Leonard Morgan, Escocia; Sir Karl Jenkins, Gales, e Bill Whelan, Irlanda) compuxeron varias pezas e levan meses traballando con Anxo, Abraham e máis de quince solistas dos países celtas como Ross Ainslie, Hevia, Dominique Dupuis, Catrin Finch ou a Bagad de Pontivy, entre outros. Concretamente, Cupeiro ía actuar como solista co karnyx (a gran trompeta celta da Idade de Ferro, construída en bronce, suspendida verticalmente e coa campá en forma de cabeza de xabarín) nunha das pezas.

Ademais desta actuación, Cupeiro tiña unha axenda moi intensa coa presentación do seu novo traballo, Pangea, gravado a finais do 2019 nos famosos estudos londinienses Abbey Road, coa prestixiosa Royal Philharmonic Orchestra, tralo éxito do seu primeiro traballo, Os sons esquecidos. «O disco está rematado, pero aínda non saíu ao mercado», explica Cupeiro. Tamén terá que esperar o concerto de presentación do disco, «a ver que solución escolle a discográfica», continúa.

Novos proxectos didácticos

Mentres se vai definindo o futuro escenario, Cupeiro traballa en novas propostas, fundamentalmente, didácticas: «Aposto moito polas iniciativas de carácter divulgativo e creo que hai que confiar na cultura, facendo unha aposta forte por ela; do contrario, teremos que buscar outros lugares nos que teñan acollida estas propostas», afirma.

«Hai que confiar na cultura, facendo unha aposta forte; do contrario, teremos que buscar outros lugares»

Entre esas iniciativas destaca un documental no que está traballando, sobre a historia do ser humano a través da música, concretamente, dos instrumentos de vento. Titúlase Resonando en el pasado, e repasa a historia da humanidade desde o Paleolítico ata aos nosos días, mediante a análise da música e os instrumentos. A primeira parte do proxecto xa foi adquirida polo Concello de Oviedo, que a emitirá proximamente.

Tamén está iniciando contactos con grandes plataformas audiovisuais, «unha nova alternativa para os músicos», explica, para poñer en marcha novos proxectos.