«Sen as tecnoloxías, o confinamento non se tería respectado como se fixo»

Susana Luaña Louzao
susana luaña REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Sandra Alonso

Sorprendeulle a adaptación ao teletraballo, pero cre que España non está ben preparada para a automatización

04 may 2020 . Actualizado a las 10:06 h.

O exreitor da USC e director científico do Citius (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes), Senén Barro (1962), publicou recentemente, xunto con Lasse Rouhiainen, o informe Innovación e estudos intelixentes, no que se fai eco dunha estimación do Foro Económico Mundial que di que dentro de dous anos o 42 % do traballo estará feito por máquinas.

-Acurtará a pandemia esa marxe?

-Da orde dun 30 % do traballo xa está a ser realizado por máquinas. Non só pola maquinaria da industria, os robots ou outro tipo de dispositivos, senón por software. O covid-19 vai intensificar este proceso de automatización do traballo, e é algo ao que debemos estar atentos e anticiparnos. Non é compatible unha automatización non innovadora co aumento da produtividade a medio e longo prazo e unha maior equidade socioeconómica. A automatización, sobre todo a través das tecnoloxías intelixentes, vai desprazar a moitos traballadores fóra do mercado laboral. Se ademais isto se vai acelerar e esta aceleración coexiste cunha crise económica, social e laboral sen parangón nas últimas décadas o resultado pode ser mesmo máis dramático que a propia pandemia. Non podemos quedar impasibles diante deste desemprego tecnolóxico, por usar a referencia de Keynes de 1930, e considero que se necesita anticipación na educación, nas políticas públicas, entre as que está a aplicación dun ingreso mínimo vital, e nunha aposta pola innovación ao redor das tecnoloxías intelixentes, non na mera substitución de persoas por máquinas para aforrar custos. Hai responsabilidades para todos: Gobernos, empresas, universidades, axentes sociais…

-Como é a situación en España?

-A composición do tecido produtivo en España, tanto por sectores como polo tamaño das empresas, non é a mellor para afrontar unha intensificación da automatización do traballo. Non necesariamente a automatización vai destruír emprego en valores absolutos a escala planetaria, pero si localmente, ademais de que transformará radicalmente o emprego humano, trasladará o emprego das persoas dunhas ocupacións a outras, na súa maioría novas, e non todos os países se enfrontarán a estes cambios nas mesmas condicións. Por exemplo, países como Alemaña ou Corea do Sur contan con taxas de desemprego baixas a pesar de ser dos países con densidades máis altas de robots por traballador. O noso país vai ter que facer como fan os malabaristas de circo, poñendo a xirar novos pratos sobre as varas sen que lle caian os pratos que xa ten xirando.

-Co virus, empresas e institucións tiveron que botar man das tecnoloxías dun día para outro. Sorprendeulle esa adaptación?

-Puiden comprobar que o meu campo de especialización, a intelixencia artificial, xa se converteu nunha tecnoloxía transversal, presente en todos os ámbitos relacionados con esta pandemia, desde a detección temperá ao diagnóstico, a atención médica, a redución de contaxios e a procura de vacinas. Pero sobre todo o que non esperaba é que unha situación así provocase unha incorporación tan intensiva e rápida das tecnoloxías da información e a comunicación ao noso quefacer profesional, algo que doutro xeito tardaría anos en producirse. Por exemplo, o ano pasado máis do 90 % dos traballadores en España non teletraballaron en absoluto, nin as previsións eran que a incorporación ao teletraballo aumentase rapidamente. Pensemos tamén no ensino universitario, que pasou de ter os campus virtuais como un simple apoio a unha docencia netamente presencial a transformármonos da noite á mañá en profesores e profesoras a distancia. Iso si, con grandes esforzos en todos os casos, pero sen unha especial preparación na maioría. A partir de agora veremos tamén un incremento moi notable da automatización do traballo e da economía e o emprego baseados en plataformas.

-Axudan as aplicacións móbiles a paliar a soidade do confinamento, sobre todo aos maiores e os que están lonxe dos seus?

-Sen ningunha dúbida. Un dos aspectos máis positivos das tecnoloxías é que serven, precisamente, para que o obrigado distanciamento físico non teña que ser, nin moito menos, un distanciamento social. Por certo, creo que deberiamos evitar falar de distanciamento social, que nin ten que producirse nin debe producirse. Por exemplo, no meu caso vinme con algúns amigos máis que de costume a través das videochamadas. Non é comparable a estar xuntos, claro, pero mantén e ata pode reforzar as relacións persoais. Estou convencido de que sen estas tecnoloxías o confinamento non se tería respectado como se fixo.

«A pandemia vai deixar un mundo distinto, pero non será, espero, unha distopía»

 

 

Leva ben o confinamento porque ten máis tempo para ler, pensar e escribir, pero Senén Barro recoñécese preocupado por tantas traxedias humanas.

-A crise pode supor unha nova fenda entre traballadores cualificados e os que non o están?

-Por suposto. As TIC [tecnoloxías da información e a comunicación] e as tecnoloxías intelixentes poden afondar e alargar esas fendas, tanto no ámbito das oportunidades como no dos salarios e na competitividade das empresas. Non podemos permanecer impasibles vendo como van indo as cousas sen regras, ou só coas regras do mercado. Seguro que agora botaremos en falta máis Estado e menos mercado.

-Que aplicacións informáticas foron máis útiles na pandemia?

-A localización de móbiles, e polo tanto de persoas que estiveron en contacto con outras que enfermaron, permitirá un control en tempo real dos posibles contaxios e a redución da propagación da pandemia. Por certo, unha empresa galega, Situm, spin-off do Citius, o centro do que son director, é líder mundial nesta tecnoloxía.

-Camiñamos cara a unha nova realidade, unha distopía?

-A pandemia vai deixar un mundo distinto, pero non será, espero, unha distopía, ou non maior da que tiñamos. Imos asistir a cambios importantes, e algúns espero que moi desexables. España perdeu desde os 90 máis do 10 % dos empregos industriais, cun desprazamento crecente cara aos servizos, e por mor da crise do 2008 os recortes en investigación, educación e sanidade foron inmensos e insensatos. Espero que nos decatemos de que non podemos renunciar a segundo que cousas, xa que nos vai niso o poder gozar dunha vida digna e ata da propia vida.