Cando hai alarma meteorolóxica e nos recomendan non saír da casa, pois quedamos nela. Temos sentidiño, non fai falta ameaza de multa. Nesta peste eu estou a obedecer as sucesivas instrucións que dan as autoridades. Cúmproas, pero cuestiono que poidan sancionar. Déixenme anotar -e que non sirva para facerme vulgares ataques ad hominem- que hai Estados que non acordaron o confinamento forzoso, sendo tan democráticos, responsables e modernos coma o noso e que están a ter iguais ou mellores resultados que España. E tamén que pode ser que, como no caso dos temporais, chegase coa recomendación. Insisto: non entro en se este confinamento forzoso é ou non axeitado, porque non teño autoridade nin coñecementos para rebater tal cousa e, en todo caso, se puidese dar un consello, sería o de facer caso ao slogan queda na casa. Pero quero exporlles o tema das multas por non respectar o confinamento, desde un estrito punto de vista xurídico, formal, porque é extraordinariamente dubidoso que exista base legal para impor sancións, por exemplo por dar un paseo. O real decreto 463/2020 polo que se declarou o estado de alarma, que ten forza de lei e por iso só o poderá xulgar o Tribunal Constitucional e non o Tribunal Supremo, di que só hai oito excepcións para saírmos da casa. É dicir: non se pode botar fóra para o que nos apeteza, como recolle o artigo 19 da Constitución, senón só para o expresamente permitido. E para nada máis. Esa restrición pode ser declarada inconstitucional e cabe, polo tanto, que todas as multas impostas e que se impoñan sexan nulas. Pero aínda que o Tribunal Constitucional non se pronuncie nese sentido, entendo que as multas son nulas.
O real decreto non establece sancións por si: di que o incumprimento nas saídas ou a resistencia ás ordes das autoridades competentes serán sancionados de acordo co previsto nas leis. As leis ás que se remite son, sen dúbida, as que había de antes, polo que as infraccións e sancións serán as mesmas que preexistían. E como nos temos que remitir ás leis anteriores, é obvio que esas leis non podían prever nada que fose contra o dereito fundamental recollido no artigo 19 da Constitución: a liberdade de circulación, podermos ir a onde nos pete e cando nos dea a gana. Ollo: no Código Penal, artigos 147, 149 e 157, está previsto o delito de propagar enfermidades contaxiosas e na Lei Xeral de Saúde Pública, tamén; pero para cometer esas infraccións hai que poder contaxiar. Polo tanto: non hai xeito, na miña opinión, de sancionar, hoxe por hoxe, a unha persoa san que saia de paseo. E hai miles de denuncias por isto.
Outra cuestión é se o paseante poderá ser xulgado ou sancionado por desobediencia ou resistencia no caso de que sexa sorprendido por axentes da autoridade e os desobedeza ou se resista. Por exemplo: un paseante pillado pola policía que lle ordena ir para a casa, pode obedecer. Neste caso non procedería multa. Se despois de recibir a orde se resiste facéndolle fronte a esa autoridade ou, simplemente, a desobedece, non cumprindo, poderá ser xulgado ou sancionado. É dicir: é necesario que se desobedeza ou que se opoña resistencia a unha orde concreta; non chega con que exista a norma, senón que hai que desobedecer ou oporse a un axente da autoridade para que exista infracción ou delito. Concluíndo: aínda que non se declare inconstitucional a orde de confinamento, saír á rúa sería unha contravención normativa pero, hoxe por hoxe, non pode ser castigada se non concorren desobediencia ou resistencia. Pero, polo si ou polo non, sentidiño e neste temporal #quedatenacasa.