Rita Bueno: «Hai que traballar para manter os usuarios a salvo»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

SOCIEDAD

Rita Bueno é a directora da residencia do Cornuval
Rita Bueno é a directora da residencia do Cornuval Santi M. Amil

No centro para persoas con dependencia do Cornuval, en O Carballiño, acolleron a novos residentes derivados pola Xunta

29 abr 2020 . Actualizado a las 15:16 h.

«Aquí andamos, e grazas a Deus imos ben, que xa é moito». Con esta ilustrativa reflexión define Rita Bueno, directora da residencia do Cornuval, no Carballiño, a situación que se está a vivir no centro derivada das medidas de prevención contra o coronavirus. As características das instalacións permitirían, en caso de contar con positivos, traballar sen problemas debido á baixa ocupación: a residencia conta con 80 prazas, das cales só están ocupadas 25. De feito, a Xunta anunciara antes do estado de alarma que se incrementarían as prazas nos vindeiros meses.

Rita Bueno incide no feito de extremar as precaucións ao comezo da pandemia: «Cambiou moito a vida na residencia. Non están máis de cinco persoas xuntas nunha sala, as comidas fanse nos cuartos... Mudou a rutina de traballo, e tamén cambiou a rutina deles». A directora incide nas condicións que facían diferente ao centro, sinalando que «aquí só había 25 usuarios ata hai uns días e sempre se trataron con moito cariño porque somos coma unha familia. E chamamos e mandamos vídeos, fotos e noticias do que facemos aquí aos seus familiares para que estean tranquilos e informados en todo momento de como está indo a cousa. E eles mándannos mensaxes de ánimo e de forza, e iso fai que nos sintamos moi agradecidos e serve de aliciente para seguir a traballar».

Realoxados da Fonsagrada

A residencia para maiores -situada a carón do primeiro dos centros creados no Cornuval- viu transformada a súa realidade cotiá coa decisión da Xunta de trasladar á mesma aos maiores que foron atopados en dúas residencias privadas da Fonsagrada en malas condicións. Aos 25 usuarios iniciais sumáronse 29 novos residentes. «A situación que tiñamos favoreceu a adaptación dende o primeiro momento. Foi moita xente de golpe, pero quedaron acomodados na planta de abaixo, e os que xa estaban seguen no primeiro andar. O edificio é grande e iso facilitou moito as cousas», apunta Bueno.

Máis de 40 días despois de que comezase o estado de alarma, a directora incide na necesidade de actuar con precaución e seguir mantendo as medidas preventivas, sen baixar a garda. «Non sabemos como pode evolucionar isto e hai moitos casos asintomáticos. Hai que seguir traballando para que os maiores estean a salvo, protexernos e tomar as necesarias medidas de seguridade e limpeza. E o tempo xa nos irá dicindo como vai mudando a situación».