«Os test que estamos a facer non os decide o médico, a enfermeira nin os pacientes que chegan ao ambulatorio»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SOCIEDAD

miguel souto

Carmen Riadigos, xefa do servizo do Centro de Saúde de Lalín, aborda a situación no municipio

28 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O ambulatorio lalinense acolle dende o pasado venres a realización dos test promovidos pola Xunta para avaliar a inmunidade da poboación. Test que se manterán ata maio e que permitirán determinar o volume de galegos que pasaron a enfermidade e quenes non, de cara a tomar medidas de apertura do confinamento. «Coñeceremos a realidade de cada unha das zonas respecto do covid-19», asgurou a xefa de servizo do Centro de Saúde de Lalín Carmen Riádigos.

-Quenes están sendo sometidos ao test?

-É importante dicir que non pode acudir a poboación de xeito espontáneo. É o IGE quen realiza os listados e nós chamamos ás persoas que figuran nos mesmos. Os test non os decide o médico, a enfermeira nin os pacientes que chegan ao ambulatorio. É algo aleatorio que ten como finalidade un estudo epidemiolóxico en Galicia sobre o virus.

-Ata cando se manterán?

-Comezamos o pasado venres polo que estamos aínda comezando e previsiblemente iremos ata o 7 de maio. Facemos test a xente adulta e tamén a nenos. As primeiras xornadas foron moi traquilas e moi ben organizadas; e quero agradecerllo a todos os compañeiros e tamén ao concello por instalar unha carpa que permite que a xente con problemas de movilidade non teña que saír do coche. Contamos con horarios distintos para uns e outros. Os adultos son atendidos dende as 8.45 ata as 12; posteriormente dende o mediodía e ata as dúas citamos a nenos e pola tarde seguimos entre as 16 e as 19 horas.

-Cantas persoas está previsto atender?

-Case 500 entre Dozón, Agolada, Rodeiro e Lalín. O volume por concello vai en proporción coa poboación. Subliñar que o test consiste en só un pinchazo nun dedo; algo moi semellante ao que se fai cos diabéticos ou coas persoas de Sintrom, e que ninguén se asuste. O resultado xa se coñece en 15 ou 20 minutos pero para evitar aglomeracións, e para que os pacientes non esperen, facilitámolos por teléfono no mesmo día.

-Comezamos con negativos?

-Os 26 pacientes do venres foron todos negativos pero aíndan quedan moitos test por facer. Espero que sigamos así.

-Os concellos están facendo distribución de mascarillas. Cal é a súa recomendación de uso?

-As mascarillas son útiles cando non podes manter a distancia de seguridade. Se estamos nun sitio aberto e sós non tería sentido poñela. Se non está garantizada a distancia de seguridade, mellor usala. Non está de máis levala ao supermercado, á panadería ou a froitería. Claro que se non gardamos as medidas hixiénicas; un correcto lavado de mans, e nos tocamos boca, ollos ou nariz, de pouco serve a mascarilla. A hixiene coas mans é fundamental.

-Mermou a presenza de pacientes no centro co estado de alarma?

-Presencialmente hai menos xente pero traballo no Centro de Saúde hai moito máis, e quero agradecer a implicación e a adaptación de todos os compañeiros do ambulatorio. Contamos cun administrativo só para atención a citas telefónicas. Temos un sistema de correo para enviar as baixas e para recepción de imaxes dos pacientes que poidan presentar, por exemplo, un problema de pel. Fan unha foto, mándana e o seu facultativo decidirá ao respecto. Claro que se precisa dunha consulta presencial se lle dará. Tivemos que adaptarnos ás novas circunstancias.

-Cal é a situación actual na zona respecto do covid-19?

-A situación é bastante boa. Hai un aplanamento da curva. Os esforzos están funcionando pero non se pode baixar a garda. Hai positivos e asintomáticos positivos e poden seguir contaxiando. Loitamos todos para que non haxa repuntes que é o tema que temos que ter en conta cando se desacelere o illamento. Pero non podemos relaxarnos.