Miguel Ángel García (Kemegal): «As nosas vendas están un 60 % por riba das do ano pasado»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

SOCIEDAD

MONICA IRAGO

O hidroalcol e dous desinfectantes para superficies lanzan unha firma con outros 457 produtos sen saída

26 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata hai un par de meses, Kemegal vía o 2020 con optimismo. A súa aposta por desenvolver os seus propios produtos químicos de hixiene para sectores profesionais, adaptalos ás especificidades do cliente, e dotalos dun alto valor engadido mantiña a liña da facturación da pequena firma do parque industrial do Pousadoiro lixeiramente máis alta da que debuxaba no mesmo periodo do ano anterior. Hoxe, as vendas de Kemegal desde o 1 de xaneiro «están un 60 % por riba das do 2019» a estas alturas do exercicio, explicaba esta semana o seu xerente, Miguel Ángel García.

Detrás deste fenómeno están as novas necesidades xeradas polo coronavirus covid-19. «O noso mercado ata marzo», conta García, «era principalmente a industria alimentaria: conserveiras, cárnicas, matadoiros... de Galicia e de España. Temos un portafolio grande, de 460 produtos. O 80 % do noso negocio podía estar concentrado en 30 referencias. Agora o 90 % céntrase na venda de tres produtos: xel hidroalcólico, unha solución ao 70 % de alcol para pulverizar sobre superficies de uso común, e un desinfectante para chans. Atendemos tamén novos sectores que precisan protección para os seus traballadores, tamén maioristas de farmacia ou supermercados». A esta nova realidade orientou Kemegal toda a capacidade dos seus tres químicos e tres operarios na súa pequena fábrica de 1.000 metros cadrados.

«Foi algo totalmente reactivo. Foron os nosos clientes os que nos reclamaron estes produtos». «Se hoxe non estiveramos fabricando estes produtos tan necesarios, estariamos pechados», declara García. Tres referencias que, di, veñen para quedarse como «produto de primeira necesidade», o que lle permite ser «moderadamente optimista sobre a subsistencia do meu negocio, xa non falo de beneficios». É que, tras o 2020, o xerente de Kemegal aventura 4 anos máis de recuperación por diante.