Rafa Sáez: «É difícil pensar na miña profesión cando estamos nesta situación»

Afectado polo ERTE do seu club, a maior preocupación do técnico é a «incerteza»


vilagarcía / la voz

Rafa Sáez vive o confinamento en vigor desde o 14 de marzo nunha «casa de campo diante da Ponte dos Tirantes, fronte ao campo da Xunqueira» na súa Pontevedra. «Nese sentido, son un privilexiado», comenta nada máis rematar a súa rutina física diaria, tomando como referencia os exercicios que o preparador do Arousa lles encomenda aos seus futbolistas para tentar manterse o mellor posible de cara aos dous partidos que, con sorte, poderían acabar levando o equipo vilagarcián á Segunda B no medio dunha pandemia.

-O Arousa debería rematar hoxe a semana xogando un partido trascendental contra o Barco, con só outras tres xornadas de Liga por diante. Como cambiou o mundo...

-Si. O mundo cambiou tanto, tanto…, que o que ti dis, no noso espazo vital sería un partido trascendental, e a día de hoxe case, case se pode dicir que representa unha area no deserto, insignificante; intrascendente. Os tempos, en menos dun mes e medio, mudaron. As percepcións das cousas,o escenario das nosas preocupacións e intereses... É o que toca vivir. O único importante é xa como saímos desta situación, e como saímos para non voltar nunca máis a ela.

-¿Como o está a xestionar a nivel profesional?

-É difícil pensar na profesión cando estamos nesta situación, sobre todo cando os números de damnificados son desoladores. É certo que imos saír disto, que a vida vai seguir. Pero hai pouco tempo para pensar no fútbol. Inda que sexa unha profesión. O peor é a incerteza de como se vai volver poñer en marcha a maquinaria. Non xa só a competición que estabamos xogando. Crea máis incerteza as datas nas que imos poder comezar a 2020/21. Incerteza é a palabra que define o estado no que estou a vivir a nivel profesional.

-É un dos traballadores afectados polo ERTE do Arousa. ¿Que grao de quebranto lle está a supoñer?

-Como a calquera traballador que gaña un xornal medio-baixo. A un traballador coma min, a tempo parcial, que remata contrato a 30 de xuño, pono nun escenario de que se non hai traballo a posteriori, quedaría no paro. Vívoo con preocupación. Pero como moitos miles de cidadáns deste país en ERTE, e temen quedar sen traballo. Eu, desde que asinamos os papeis, empecei a cobrar polo INEM.

-Xa son 8 semanas sen competición. ¿Como leva un equipo semiprofesional coma o seu unha situación coma esta?

-Os xogadores comezaron o confinamento, nalgún caso continuando coas súas ocupacións laborais, pensando que a situación podería ter solución a curto prazo. Pero logo de mes e medio, houbo unha desconexión, por moito que se siga traballando individualmente. Este é un deporte colectivo, que precisa dun adestramento en conxunto. E inda ante a posibilidade de que a competición se reanude, a estas alturas, precisaremos de 2-3 semanas de adestramento antes de poder competir. A nivel futbolístico estamos casi nun periodo semivacacional.

-Cando menos, ao contrario ca gran maioría dos equipos, o Arousa segue a ter un obxectivo...

-Hai unha proposta federativa polo que os catro primeiros da Terceira xogariamos polo ascenso -nunha fase autonómica, por concentración-, pendente do prace do CSD. Vai ser unha forma de rematar a competición que non quereriamos ningún. Pero a única solución era un formato reducido. É certo que os nosos xogadores están ilusionados coa posibilidade de ascender. E ningún equipo vai partir con vantaxe. Vai ser unha situación de igualdade ao cen por cen. Todos os equipos imos partir de cero.

rafa sáez

«Logo de mes e medio, houbo desconexión nos xogadores. Pero están ilusionados con poder ascender»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Rafa Sáez: «É difícil pensar na miña profesión cando estamos nesta situación»