Félix Rubial: «Se un traballa para a súa poboación, cen mortes son cen fracasos dolorosos»

Pablo Varela Varela
pablo varela OURENSE / LA VOZ

SOCIEDAD

Santi M. Amil

O xerente da área sanitaria provincial móstrase orgulloso polo nivel de compromiso amosado polo persoal sanitario durante a epidemia

26 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O xerente da área sanitaria provincial, Félix Rubial (A Estrada, 1968), adáptase estes días a ter os dous ollos en Ourense e a atopar un oco para estar en contacto coa súa filla, en Santiago, a súa parella, en Madrid, e a súa nai, na Estrada. «Con ela fago videochamadas a diario», explica.

-A OMS avisou hai un ano de que un novo virus asociado á gripe podería provocar unha epidemia. Por que non se fixo caso?

-Creo que si se fixo caso. Levamos con ameazas de novos virus desde o 2004, co Sars ou o ébola despois. Alertas de importancia internacional. Outra cousa é que se pensase nunha pandemia desta magnitude a nivel mundial.

-Máis de mes e medio despois, que balance fai do control da epidemia na área sanitaria?

-Non me gusta facelos porque non debo nin podo. O que é certo é que no uso das residencias integradas como Baños e Piñor fomos dos primeiros de España. Creo que se están facendo as cousas con sensatez e deixándonos guiar polos comités técnicos que nos asesoran nos tres distritos da área sanitaria.

-Como está o ánimo xeral do persoal sanitario de Ourense tras este período?

-A nivel de organización lévase cunha serenidade activa e con preocupación. Especialmente nas zonas máis críticas. Falo de Urxencias e as uci. Aí, pasado o momento inicial de incerteza lóxica, cando visitas as unidades a sensación é de tranquilidade e concentración. Saben a responsabilidade que teñen á hora de traballar. E eu estou orgulloso do colectivo. Hai que poñer en valor ós elementos menos visibles, porque os hospitais comarcais son autosuficientes e o papel da atención primaria e a medicina rural, quizais non leven os aplausos das oito pero deixan seguridade na poboación.

-A finais de febreiro, antes do primeiro caso, vostede indicou que «o sistema está preparado para asumir esta circunstancia». Dous meses despois, que cre que se puido mellorar?

-Seguro que hai cousas que teríamos cambiado, pero a posteriori é difícil. Quero ser prudente. Si me quedo con dúas cousas. A negativa, pensar que a epidemia no meu territorio levouse a case 100 persoas por diante provoca impotencia, porque un traballa para manter á súa poboación e esas mortes son 100 fracasos moi dolorosos. A morte pódese asumir, pero nestas circunstancias é durísimo para os profesionais. Non quero pensar nin para as súas familias. A positiva, a lección de compromiso, esforzo e solidariedade dos sanitarios coa poboación. Foi a maior lección da miña carreira profesional.

-En que punto está a área sanitaria na dispoñibilidade de material como EPIs ou mascarillas?

-Nunca estivemos folgados de EPIs, pero nunca faltaron. Outra cousa é que nun momento inicial houbese o temor por unha enfermidade nova e quixésemos EPIs de uci noutros ámbitos do hospital que non os precisaban. Agora hai novas adquisicións da Xunta.

-Por que non se examinou a capacidade de filtrado das mascarillas Garry Galaxy antes da súa distribución entre o persoal sanitario?

-Esa competencia correspondíalle a outras institucións, porque eu entendo que é a autoridade competente en comercializalas. O informe destas mascarillas fíxoo o Ministerio de Traballo e neste caso parece que non foi así. Debería filtrar o 95 % das partículas e soamente o facía nun 70. E ante a incerteza, cribouse a toda persoa que estivese en risco, uns 1.400 profesionais. Actuamos de xeito correcto e foi a tónica que se aplicou en Galicia.

-Pero o persoal xa pedía previamente unhas FFP3 por prevención.

-O que din os protocolos é FFP2 se non hai FFP3 dispoñibles. Entendemos que estaba dentro do protocolo e tamén o temor individual. Dos 1.400 cribados houbo 29 que deron positivo e eran asintomáticos. Asociar unha positividade co feito de ter ou non unha mascarilla é dicir de máis. Poden collelo nas relacións interpersoais, non só no centro sanitario. Temos que ser prudentes.

-Que escenario se atoparon coa atención telemática ante a poboación envellecida?

-En Ourense, o 15 % das consultas médicas en atención primaria xa eran telefónicas. Iamos medrando lentamente. E na realidade postcovid iso multiplicarase, porque os profesionais quererano así e os cidadáns tamén. Haberá que pensar en espaciar os tempos de atención, limitar o números de acompañantes nos centros de saúde, ser escrupulosos nas medidas de hixiene e actuar de forma selectiva cos grupos vulnerables de pluripatolóxicos.

Rubial valora a intervención na residencia de O Barco como «dura, pero salvou vidas»

A intervención do Sergas na residencia Nuestra Señora de Fátima, de O Barco de Valdeorras, é vista por Rubial como unha acción que se deberá analizar con posterioridade. «Hai unha relación moi fluída coas residencias sociosanitarias. Boa parte dos residentes teñen un médico e enfermeira de cabeceira. Fíxose un traballo adecuado, porque son unha área susceptible para que a enfermidade faga acto de aparición. No caso da de O Barco, non se nos pode acusar de inacción, porque coa máxima coordinación adoptamos decisións duras para salvar vidas. Non nos temblou a man», indica.

O xerente insta a botar un ollo ás cifras e indicadores como a taxa de letalidade, pero cun debuxo completo. «No noso caso miramos a León ou Lugo. Cando detectas un brote importante nunha residencia sociosanitaria ten un impacto inmediato. Iso non se deu en Lugo, por exemplo. Se analizamos as cifras de letalidade son imprecisas se non temos en conta os tramos de idade da poboación», explica.

A relaxación do confinamento

Rubial conta que, de cando en vez, remite correos masivos ós profesionais da área sanitaria para mostrarlles «o meu recoñecemento e orgullo». «Fan un enorme esforzo persoal, e hai xente que está separada das súas familias», expresa. Neste sentido, sobre a distancia social e a posible relaxación das medidas de confinamento, Rubial confía no comportamento da cidadanía para respectar as normas: «É certo que non podemos permitirnos como sociedade vivir no confinamento permanente, e hai xente que o está pasando mal no socioeconómico e teremos que activarnos pouco a pouco. Por agora, hai que escoitar ós responsables e ós que saben, e actuar en consecuencia».