A reinvención antóllase complicada

Internet ábrese como a primeira opción para chegar ao público, pero non todos a ven viable nin rendible

Último acto mensual de Barbantia este año, el 28 de febrero
Último acto mensual de Barbantia este año, el 28 de febrero

ribeira / la voz

Arrastraba as consecuencias da crise económica anterior cando o coronavirus fixo acto de presenza. Ao contrario do que ocorreu con outros sectores, o da cultura non freou en seco. Músicos, escritores e artistas plásticos aproveitan o confinamento para crear, se cabe, máis ca nunca. O gran problema cérnese sobre os profesionais deste eido, que producen, pero sen obter ingresos a cambio. Coas galerías, teatros, librarías e salas de concertos pechados, Internet abriuse como a única vía que teñen os artistas para chegar ao seu público. De momento, está funcionando, se ben é certo que se trata, na maior parte dos casos, de accións altruístas. Será viable esta canle de difusión que todos entenden como a única posible nestes intres para manter un sector que, como todos, depende dos ingresos económicos?

Neste eido hai bastante xente que vive aínda na era analóxica e non está familiarizada coas novas tecnoloxías. Tampouco as salas están preparadas para dar o salto a Internet dun día para outro»

Músicos e actores de teatro ven complicado adaptar á Rede os seus espectáculos, sustentados precisamente na riqueza do directo. Pero tamén entre os responsables das salas de concertos, dos museos e mesmo os programadores dos concellos existen serias dúbidas sobre a posibilidade de ofrecer cultura de xeito virtual. «Neste eido hai bastante xente que vive aínda na era analóxica e non está familiarizada coas novas tecnoloxías. Tampouco as salas están preparadas para dar o salto a Internet dun día para outro», explica Pastor Rodríguez, o director do Museo do Gravado de Artes.

Aos concellos comezaron a chegar propostas adaptadas para a súa difusión pola Rede, porque os artistas están buscándose a vida, pero hai inconvenientes: «Terán que axustar prezos e non todos poderán, non ten sentido un espectáculo de gran formato só para emitir por Internet. Coa cantidade de contidos que xa hai, tampouco estou seguro de que vaian ter aceptación», comenta Unai González, técnico en Ribeira. As dúbidas acadan incluso unha posible reapertura dos teatros con límite de aforo: «Vai ser viable pagar un espectáculo se poden estar só ocupadas a metade das cadeiras?

Manuel Cartea, presidente de Barbantia
Manuel Cartea, presidente de Barbantia

Manuel Cartea: «Cambiarán as canles, pero a creación vai seguir»

Non teme polo futuro da cultura, pois está convencido de que é o motor que move o mundo e manterase viva por moi adversas que sexan as condicións. Manuel Cartea, o presidente de Barbantia, asegura ademais que o confinamento propiciou o rexurdir dunha nova cultura, a dos balcóns e a das relacións veciñais. Tamén ve positivas as posibilidades que ofrece Internet como medio para chegar ao público. Está convencido de que a xente da cultura está a producir máis ca nunca e atopará a forma de dar a coñecer o seu traballo: «Cambiarán as canles, pero a creación vai seguir. A cultura non pode parar, porque se ela cesa detense o mundo», declara Cartea.

Igual non podemos recuperar todo o que se aprazou, porque esta tempada había actividades practicamente cada venres, pero claro que volveremos»

Como exemplo pon o seu caso: «Estou dez horas ao día diante do ordenador, traballando en diferentes proxectos». Manuel Cartea si recoñece que Barbantia, o motor principal da cultura na comarca, atravesa unha certa paréntese: «Igual non podemos recuperar todo o que se aprazou, porque esta tempada había actividades practicamente cada venres, pero claro que volveremos. Se non podemos publicar un anuario en papel, farase virtual. E tamén haberá máis suplementos».

Convencido de que o sector saberá adaptarse ás necesidades que vaian xurdindo, Manuel Cartea non dubida á hora de afirmar que «seguirá habendo cultura en Barbanza, sexa presencial ou virtual».

Antón Riveiro Coello: «Aínda que se poidan levar a cabo actos, a xente vai ter medo a acudir»

Di que o seu estado ideal, coma o de calquera escritor, é o confinamento, que permite dedicarlle horas e horas á lectura e á escritura. Mais Antón Riveiro Coello é consciente de que a cultura en xeral e a literatura en particular sufrirán con dureza os efectos da actual crise: «As librarías deberían ser consideradas servizos esenciais, porque para moita xente os libros son bens de primeira necesidade». Engade que estaban xa nunha fase moi complicada.

A Rede semella a máis idónea, pero vai ser complicado chegar ao público»

El ve difícil que o sector se reactive a curto prazo: «Aínda que se poidan levar a cabo actos, a xente vai ter medo a acudir e custará despegar». Sabe que non queda outra que explorar novas vías de difusión: «A Rede semella a máis idónea, pero vai ser complicado chegar ao público». Pero el segue a producir. Está corrixindo as probas da súa última novela e, como o encerro se alongue, escribirá o punto e final doutra.

María Magán , Galería La Doce
María Magán , Galería La Doce

María Magán: «Non vexo posible o mercado da arte a través de Internet»

Cando trata de adiviñar o futuro do seu sector, María Magán non pode agochar o pesimismo. Sabe das posibilidades que brinda Internet e mesmo recorreu a ela para que a súa galería, La Doce, seguira tendo presenza, pero non ve na Rede unha opción de futuro viable: «Agora seguimos gozando da cultura pola boa fe dos artistas, pero eles non reciben remuneración polo seu traballo. O que está ocorrendo actualmente non garante o futuro desta actividade a nivel profesional».

No que se refire ao sector concreto no que ela se move, María Magán considera que a Rede non vai suplir a carencia que supón a situación de peche na que se atopan as galerías: «Non vexo posible o mercado da arte a través de Internet, porque falamos de obras que hai que ver e gozar en directo, e se te namoran, lévalas para a casa».

É un sector que sempre estivo en precario a nivel laboral, que máis que vivir sobrevivía»

A boirense está convencida de que a cultura sufrirá con dureza os efectos da actual crise: «É un sector que sempre estivo en precario a nivel laboral, que máis que vivir sobrevivía, e todo augura que a súa recuperación vai ser lenta e a longo prazo. A súa única esperanza é que as salas poidan abrir de novo as portas, aínda que sexa con restricións: «Se non podemos ter grandes inauguracións ou actividades con moita afluencia de público, polo menos poder ofrecer visitas controladas».

Suso Santamaría, A Pousada da Galiza Imaxinaria
Suso Santamaría, A Pousada da Galiza Imaxinaria

Suso Santamaría: «O futuro pasa por adaptarse, por buscar alternativas»

Ten claro que a cultura se vai manter, porque os creadores precisan expresarse; pero a gran dúbida de Suso Santamaría, o xerente da Pousada da Galiza Imaxinaria, é que vías se poden abrir para canalizar esa creatividade que o confinamento non fixo máis que multiplicar: «Non teño ningunha dúbida, o futuro pasa por adaptarse, por buscar alternativas. Non vexo outra opción posible».

O empresario boirense aproveita a inactividade do encerro para pensar en como darlle unha nova volta ao seu negocio. Xa pensou nunha posible dixitalización do local para emitir concertos en directo. Un dos problemas, o elevado investimento que supón, ao redor dos 20.000 euros; e outro, a selección dos artistas, pois trataríase loxicamente de cobrar por eses contidos: «Terían que ser concertos de nivel».

Saímos de varios paus gordos e seguro que deste tamén nos recuperamos»

É unha posibilidade que a Suso Santamaría lle gustaría explorar, pero dubida da súa viabilidade. Mentres analiza vantaxes e inconvenientes, achega unha dose de esperanza: «Saímos de varios paus gordos e seguro que deste tamén nos recuperamos. A cultura é unha loita constante, pero nunca podes desfalecer».

Esther Carrodeguas. Dramaturga
Esther Carrodeguas. Dramaturga

Esther Carrodeguas: «A música e o teatro viven lda presenza do público»

Como unha «solución ponte», pero non como a alternativa definitiva mira Esther Carrodeguas cara as posibilidades que Internet lle ofrece ao mundo da cultura e das que moitos artistas están botando man neste confinamento. Dubida, primeiro, porque ten claro que a cultura non pode ser gratis e, segundo, porque custará moito adaptar determinados contidos: «A música e o teatro viven da presenza, do público. Os actores podemos adaptarnos a unha cámara, pero iso é cine, iso é televisión, xa existe».

Xa se están facendo adaptacións por parte de compañías con persoal propio, incluso desde teatros municipais, pero eu teño serias dúbidas sobre a viabilidade deste sistema»

Aínda así, a dramaturga rianxeira ten claro que, se o confinamento se alonga demasiado, será a única vía posible a explorar: «Xa se están facendo adaptacións por parte de compañías con persoal propio, incluso desde teatros municipais, pero eu teño serias dúbidas sobre a viabilidade deste sistema e sobre a necesidade, tendo en conta a cantidade de contido dixital que xa existe».

Regresar aos escenarios é para ela a única solución, aínda que a ve lonxe: «Agora mesmo ninguén confirmaría que se vai facer algo en directo con normalidade ata o 2021, polo que ao sector vaille custar moito recuperarse».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

A reinvención antóllase complicada