Emgrobes reitera a súa petición de medidas de apoio económico ao Concello

La Voz O GROVE / LA VOZ

SOCIEDAD

MARTINA MISER

A asociación de empresarios, de comerciantes e de hostaleiros volve poñer sobre a mesa as súas peticións ao goberno de Cacabelos para que a administración local colabore na saída da crise postconfinamento

22 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A fase de desescalada que o goberno central iniciou a semana pasada co regreso á actividade dunha importante porcentaxe de sectores non esenciais levou a moitos concellos a comezar a falar en termos de futuro. Nesa clave, a asociación de empresarios, de comerciantes e de hostaleiros do Grove Emgrobes presentaba a semana pasada a través da sede electrónica do rexistro municipal meco un documento coa listaxe de medidas que, desde a súa posición, entende debe adoptar o goberno que encabeza José Cacabelos (PSdeG-PSOE).

Emgrobes reiterou onte ante a opinión pública a lista de pasos que lle reclama á administración local de cara a colaborar en que a saída da crise sanitaria sexa o menos lesiva para o tecido económico meco, toda vez que todos os indicadores fan pensar nunha grave crise xeral a medio prazo. O primeiro deses pasos, entende a entidade, require a creación dunha mesa de traballo bilateral co Concello, que avalíe a situación dos axentes económicos locais tras o confinamento e valore as posibles accións reactivas.

Entre estas, Emgrobes enumera a exención ou minoración das taxas municipais, que reclama desde xa para o comercio, así como do imposto de vehículos de empresa ou que se usen nas actividades económicas afectadas, a exención do IBI para certos negocios que se vexan afectados polo cese de actividade; e a posibilidade de ampliación de horario e supercie das terrazas para os establecementos hostaleiros. Medidas que reclamarán tamén a Portos de Galicia para os establecementos que se atopen nos seus terreos, e ás que suma a petición ao Concello de futuras accións de promoción como campañas de dinamización comercial e turística.