Ánimo

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

SOCIEDAD

MIGUEL VILLAR

19 abr 2020 . Actualizado a las 12:09 h.

Ánimo, xa non queda nada. Ánimo para os que perderon un achegado, o loito desta volta vai ser máis penoso. Ánimo para os que están nun ERTE, e ven como esvaran os días sen nómina. Ánimo á primeira liña, nunca se fixo tanto con tan pouco. O peor está a punto de verse lonxe. Miramos o mañá como unha nova páxina na que escribir outro episodio. Os libros, que un se dixo a si mesmo que ía ler, aínda non se pasou do prólogo; as xanelas que con tanto brío se limparon a primeira semana, xa lles cómpre outra voltiña, que entre o pole e a choiva, volven a estar perdidas. Coido que fixemos ben o que se nos encomendou, «non fagan nada, queden na casa». Agora comeza a fartar tanta preguiza e tantos datos de curvas, funcións exponenciais e demais.

Temos que comezar a poñer os alicerces do que vai a vir. Levamos un retraso cos principais focos do Estado, e nós, neste caso, podemos previr o devalo da situación socioeconómica das veciñas e veciños da nosa provincia. Os comedores sociais multiplicaron por cinco as persoas usuarias; foi sinxelo: dende o 2008 virouse a economías máis somerxidas, e agora esas economías B non son posíbeis.

No Concello de Ourense é o momento de reforzar e non só de consolidar proxectos que xa están en marcha. O servizo de Comida no Fogar merece ser apuntalado. Se nos conformamos con 100 menús diarios co que se espera que veña, é que somos unha cidade indolente. Moitos destes servizos préstanos ONG’s, pero debería ser a administración local quen se ocupara. Ata iso externalizamos. Tras esta crise sanitaria, que demostra que coidar é a base da sociedade; o Concello non amplía os coidados dos cidadáns aos que goberna. Se o tecido empresarial vai necesitar respiradores automáticos, quen xa está nunha situación de dependencia vai necesitar unha UCI do trinque.

A sociedade que está a vir terá outro piar. A xestión das residencias de maiores terá que se revisar. O primeiro, garantir a vida das persoas que forman a comunidade, e tamén garantir os dereitos dos traballadores. Asemella que foron os beneficios en euros por enriba dos sociais os quen orientaba a fundacións e cooperativas, e non a estrita protección dos seus colectivos. Podemos poñernos no cruce, e mirar cara Xapón, ou mirar cara Corea. Ir cara unha robotización dos coidados e xerar unha industria intelixente ou reforzar institucións de Saúde Pública e investigación.

Temos ante nós unha oportunidade para dignificar a nosa provincia, poñer coma exemplo os coidados aos nosos ascendentes, e aproveitar todo o que aprendemos neste longo mes para que non quede no esquecemento. Ánimo.