Fernando Súarez asegura en Ribadeo que esta crise obriga a tomar moitas medidas de apoio e sociais

La Voz RIBADEO / LA VOZ

SOCIEDAD

PEPA LOSADA

«Estamos xestionando dentro das dificultades, unha situación excepcional coma esta»

17 abr 2020 . Actualizado a las 22:17 h.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, asegura que esta crise sanitaria, derivada da pandemia do Covid-19, implicará cambios nos orzamentos municipais, tanto no capítulo de ingresos como de gastos, para dar cobertura a todas as medidas que están a poñer en marcha e ás que poidan xurdir más adiante.

«Realizáronse desinfeccións con medios propios e cando non foi posible botando man de medios alleos. Fíxose, entre outros lugares, na residencia de maiores nova e no hospital asilo, nas rúas e outros espazos públicos, por fóra dos establecementos esenciais que están abertos, nos contedores da vila e das parroquias -explicou Suárez-. Habilitamos desde o primeiro momento o teléfono Apoiámoste, un servizo de luns a domingo de 9 da mañá a 9 da noite, para atender as necesidades básicas que poida ter a poboación. Tamén puxemos en marcha recentemente un novo teléfono de información para resolver dúbidas e axudar nos procesos relativos ás medidas e axudas que as Administracións (do Estado, da Xunta e tamén do Concello) poñemos en marcha, como para situacións de desemprego, de ERTEs, moratoria no pago de hipotecas, etcétera».

Lembraba tamén o alcalde ribadense «que foron aprobadas unhas bases para a entrega de cheques de alimentos destinados a familias que o necesiten, para canxear nos establecementos locais adheridos. Ademais destes cheques continuamos tamén coa entrega de alimentos que xa víñamos realizando de xeito habitual pero que agora, como é lóxico, estamos reforzando».

«Promovemos tamén a través de medios electrónicos a mediación para a venda de produtos agroalimentarios entre produtores e consumidores locais», destacaba o alcalde.

«Demos prioridade -añadía- aos servizos económicos do Concello para o pagamento a provedores, sobre todo a aqueles pequenos e locais, para inxectar a maior liquidez posible no concello. E aprobamos un decreto que recolle medidas tributarias e fiscais para reducir a presión sobre os suxeitos pasivos; é dicir, devolveremos o xa cobrado en servizos municipais como escola de música, piscina, mercadiños, ocupacións de vía pública, etcétera, por non poder facer uso deses servizos. E non cobraremos aqueles outros conceptos, como auga ou lixo, daqueles sectores económicos que por peche obrigado do decreto de estado de alarma do Goberno non poderán abrir mentres estea en vigor».