Da defuntiña sociedade civil

La Voz CORONAVIRUS

SOCIEDAD

MARTINA MISER

18 abr 2020 . Actualizado a las 13:50 h.

vento da travesía avelino ochoa

En moi diversos foros e na boca de pensadores estase a dicir que despois desta peste vai cambiar o mundo. É afirmación xeneralizada que ninguén pon na picota e que leva camiño de transformarse en verdade universal. Pois déixenme dicir, desde este curruncho do mundo que ninguén terá en conta, que non vai cambiar nada que non fose cambiar de antes. E por que? Pois porque como matamos a sociedade civil -descrita por Habermas ou Tocqueville- o liderado deixámolo nas mans dos políticos, incluso nestes momentos tan repetidos historicamente: século VI, peste, cincuenta millóns de vítimas; século XIV, peste bubónica, douscentos millóns de mortos; século XX, varíola, trescentos millóns de finados; 1918, gripe, vinte e cinco millóns de cadáveres; séculos XX e XXI, SIDA, trinta e tres millóns de defuntos.

Neste contexto parécenme insufribles as actitudes vacuas dos políticos, a todoloxía desta xente permanentemente nas pantallas, na escrita, asumindo seren por si mesmos o centro do mundo. Vivimos tempos complicados nos que, ademais, como aplicándonos un bálsamo, entretéñennos con frías estatísticas para que non nos deamos conta de que cada número que se computa nelas é unha vida. Non cambiará nada porque lles deixamos as rendas das nosas vidas aos políticos. A ver: Non estou a ser antidemocrático. A política ten que ter o seu espazo como xeito de que a vontade popular teña voz. Pero non poden ser as dos políticos as únicas voces, porque, quizá por iso, estamos a asistir, un tanto atónitos, a propostas monocordes, goberne quen goberne. É como se o exercicio do poder estivese formularizado, sen saber quen escribe o modelo. Consolidado o réxime do 78 -ollo: ben está-, desde o poder esmagouse a sociedade civil que, sobre todo nas pequenas vilas, desapareceu completamente do día a día, ata cos líderes absorbidos pola política ou coas asociacións que sobreviven a esperar, obsequiosas, unha subvención.

Parece como se os cidadáns unicamente dispuxesen do dereito a acudir ás urnas pasivamente e, despois, tivesen que aguantar condenados a quedaren caladiños. Lin un día destes que en Cataluña as asociacións civís independentistas reconverteron actividade e fondos para enfrontárense a esta peste e doume envexa de que haxa institucións civís que teñan protagonismo na vida pública, porque aquí non as hai. Aquelas do postfranquismo que tanta vida trouxeron, desapareceron. Non temos voces fóra da política que discrepen, que griten para manteren viva a nosa sociedade.

É unha situación empobrecedora na que se confunde o interese polas cousas públicas con ser político. Entre nós a sociedade civil deixouse morreu e o Poder soterrouna compracido. E porque abandonamos todo nas mans dos políticos, despois desta peste non vai cambiar nada, porque ese establishment que pode decidir optará por manter o statu quo. Non cambiará nada, volveremos, pois, ás necidades políticas, continuará a globalización. Claro que, como acabamos de saír da Pascua de Resurrección, igual a sociedade civil resucita. Ah, entón si que si.