Anciáns con patoloxías previas

Fina Roca CORONAVIRUS

SOCIEDAD

GRUPO PSA

13 abr 2020 . Actualizado a las 21:54 h.

Eu non sabía que era unha anciá ata que non chegou o coroa virus, tampouco sabía que tiña patoloxías previas. Porén, no tempo de chiscar os dedos, pasei de ser unha muller maior, que se valía e vale por se mesma, a ser unha «anciá de 73 anos con patoloxías previas por ser asmática dende o berce », é dicir, que sen comelo nin bebelo, convertinme nunha carga social para o servizo de saúde europeo, malia cotizar durante corenta e sete anos polos servizos prestados na Consellería de Educación, como profesora de Secundaria, onde superei todos cantos virus había e hai nas aulas, amén dos piollos.

Vamos! Que pasei de ser unha pensionista con piso propio, a ser unha vella rabuda obrigada a vivir soa e illada, a pandemia colleume composta e sen noivo para poder protexerme do Covid19; non sexa o demo de que teña que ingresar nunha UCI compartida con xente máis nova ca min e sen respiradores suficientes para todos, tendo que poñer aos médicos na tesitura de salvarlle a vida ao paciente de menor idade.

Si chego a sabelo, en lugar de hipotecarme de por vida co piso, mercaría unha UCI portátil con respirador de ventilación propia, que de seguro sairíame máis barato. Pregúntome, chegado o caso, que pasaría si eu me nego a ceder o meu respirador? De seguro que me poñerían a caldo por insolidaria ao non ser tan xenerosa como a muller belga de noventa anos, que morreu polo coroa virus ao renunciar ao seu ventilador, para favorecer a unha persoa máis nova ca ela, converténdose nunha heroína mundial. Síntoo, pero na miña fame mando eu.

Hai informantes, tan irreflexivos como incoherentes, que tentan tranquilizar á poboación co bulo de que o virus só afecta aos anciáns maiores de 70 anos con patoloxías previas. Como se non souberamos que para o Fondo Monetario Internacional as persoas maiores somos un problema, para a economía mundial, porque vivimos demasiado tempo como pensionistas.

Aí tedes aos holandeses, que coa desculpa do confinamento intelixente cos seus drons de vixiancia, non admiten, nin nos hospitais, nin nas UCIS, aos maiores de setenta anos con patoloxías previas. Que miserables...

Os Sistemas Sanitarios dos países da UE?28, asesorados pola OMS, non están preparados para as pandemias e así nos vai. Na Comunidade hai máis armas que respiradores, alcohol ou material sanitario axeitado, para combater a peste do século XXI. De seguir así imos ter que volver á cal viva como desinfectante.

En fin! Estar confinada coa despensa chea, luz, auga e case todas as necesidades cubertas, tampouco ten moito mérito. Ana Frank pasouno peor ca nós, e quen tivo que confinarse para non ser fusilado. Que dicir dos nenos que viven nos campos de refuxiados, dos que foxen das bombas e da fame? Pobriños, miñas xoíñas...

A globalización, como culminación do capitalismo salvaxe, expande o Covid19 e maila desigualdade social por todas partes.

* Fina Roca, profesora xubilada e escritora

Si chego a sabelo, en lugar de hipotecarme cun piso, mercaría unha UCI portátil con respirador