As recomendacións de Anxo Lorenzo para seguir no confinamento

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

SOCIEDAD

xoan carlos gil

«Eu o que fago a través das redes sociais, basicamente Facebook e Twitter, é difundir contidos culturais, a ser posible multimedia», di o secretario xeral de Cultura da Xunta

13 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Eu o que fago a través das redes sociais, basicamente Facebook e Twitter, é difundir contidos culturais, a ser posible multimedia, que incorporen texto, audio ou vídeo, e que considere que son de interese para diferentes tipos de públicos». O di Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta. Dende que foi decretado o estado de alarma, e o conseguinte confinamento doméstico, o xestor vigués comezou a facer propostas culturais aos seus seguidores nas redes como vías de achegarse á cultura galega a través de Internet.

Son vieiros diversos, como os que levan á Cidade da Cultura sen moverse de casa para seguir unha visita guiada pola exposición Galicia, un relato no mundo. Pero tamén singularidades como a exposición de documentos gardados no Arquivo de Galicia. Subiu algúns relacionados co misterioso asasinato do marqués de Valladares a mediados do século XVIII. «Tiña todos os ingredientes para espertar a curiosidade da xente pois había infidelidades, acusación de parricidio e, como fondo, a herdanza do título e as propiedades do marquesado», se pode ler na entrada correspondente en Facebook.

«Recomendo moitos contidos de Galiciana, polo interese que ten para públicos moi diversos; e tamén recomendo contidos das bibliotecas galegas ou tamén do CGAC, que ten fondos moi interesantes para difundir; e, por suposto, recomendo contidos da Cidade da Cultura, porque hai moito material», sinala.

Todas as recomendacións feitas por Anxo Lorenzo levan o hashtag #aculturasegue, o que sinala a idea condutora de mesturar ocio e cultura neste histórico momento. As propostas pasan por distintos soportes e modalidades. Hai audiovisuais, na súa meirande parte, procedentes do Centro Galego das Artes da Imaxe; exposicións comentadas, como a que non se puido inaugurar no Centro Galego de Arte Contemporánea dedicada a unha retrospectiva de Antón Patiño; ou as portadas artísticas de revistas históricas, como Mondariz, custodiadas pola Biblioteca de Galicia.

Non se esquece o director xeral da música e pon sobre a pista dunha actuación especial da Banda de Música de Silleda, porque os seus compoñentes tocan unha mesma composición pero sen saír das súas respectivas casas.