Final feliz para Lara e os seus sete cachorros 

O Centro de Acollida de Animais de Pontevedra (CAAN) leva recollidos 23 animais desde que se decretou o estado de alarma


Vilagarcía

O Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra (CAAN) está pechado ao público e ten as adopcións suspendidas desde que se decretou o estado de alarma polo COVID-19, pero mantén o seu servizo de lacería. Desde o pasado 14 de marzo, o CAAN levou a cabo 23 recollidas de animais que se enmarcan nos supostos de atención necesaria: casos con animais feridos, potencialmente perigosos, animais mantidos en instalacións municipais non habilitadas para o seu coidado, animais libres que poidan causar accidentes ou lesións e actuacións de emerxencia requiridas polo poder xudicial e os corpos e forzas de seguridade.

As recollidas destes días foron realizadas nos concellos de Marín, Caldas, Redondela, Nigrán (2), Baiona, Meaño, Soutomaior, Meis (2), A Estrada, Mos, Campo Lameiro, Fornelos, A Cañiza e Crecente (8). En cinco casos os cans puideron ser devoltos aos seus propietarios. Neste senso, desde a institución provincial prégase aos propietarios que estes días estremen as precaucións ao saír a pasear coas súas mascotas, a fin de evitar o extravío e situacións de risco.

Unha das historias que deixa o balance destes días do CAAN leva o nome Lara. A cadela, abandonada coas súas crías nunha zona de escombros no concello de Crecente, foi rescatada xunto a súa camada despois de varios días de traballo, xa que estaba nunha zona practicamente inaccesible. Lara non tiña posibilidade de acceder a auga e comida para poder aleitar aos seus sete cachorros, polo que corrían risco de falecer. O persoal do centro de acollida tivo que desprazarse en máis dunha ocasión ao lugar, xa que nas primeiras non se puido recoller á nai dada a dificultade de acceso á zona e a que a cadela se mostraba agresiva. Finalmente, grazas a que se fixeron tarefas para retirar os escombros, puideron rescatar aos animais que agora se recuperan no centro da Armenteira. Tanto os cachorros, catro femias e tres machos, como a nai están en relativo bo estado a pesar das circunstancias. A cadela foi bautizada polo persoal do centro como Lara e os cachorros son Pipa, Pina, Piña e Fina (as femias) e Fino, Fin e Finón (os machos).

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Final feliz para Lara e os seus sete cachorros