Profes en estado de alarma

Manuel Felpeto CORONAVIRUS

SOCIEDAD

MARTINA MISER

Da noite para a mañá abandonamos as aulas físicas para mudarnos a un espazo virtual e tivemos que atopar diferentes formas de chegar ao noso alumnado

07 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai dous lugares polos que todas e todos pasamos: o hospital e a escola. Tal é a importancia destes dous ámbitos, que sanidade e educación aparecen sempre nos distintos discursos políticos, aínda que esas constantes referencias non repercutan a miúdo en medidas e recursos para fortalecer o noso labor.

A pandemia global que estamos a padecer situou no foco nos profesionais sanitarios que, agora si e por fin, reciben numerosas mostras de apoio e eloxios múltiples.

O outro colectivo, o de mestras e mestres, vímonos -coma o resto, non somos excepción- nunha situación repentina, descoñecida, nova. Da noite para a mañá abandonamos as aulas físicas para mudarnos a un espazo virtual e tivemos que atopar diferentes formas de chegar ao noso alumnado. Poñer a funcionar un aula virtual, facer entender o emprego ás familias e demais detalles técnicos é un traballo laborioso, pero menor. O realmente difícil é o que propoñer. Calquera que fose a proposta tería atopado detractores dende un primeiro intre. Se unicamente fosen orientacións sobre o que facer na casa, acto seguido teriamos que escoitar que estamos de vacacións, que nos desentendemos dos rapaces e outro tipo de lindezas que serían trending topic en cuestión de segundos. Se o que se propón son actividades e tarefas diarias, as consecuencias son as que estamos a escoitar estes días: excesiva carga de traballo, imposibilidade das familias para axudar os fillos...

Coa cantidade de problemas que roldarán polas cabezas das familias, o último no que nos temos que converter os colexios é nun problema, creo que debemos ofrecer axuda e o apoio por riba de todo. Dito isto, defendo firmemente que os mestres debemos continuar co noso traballo, iso si, realizando todas as adaptacións que sexan necesarias. Debemos manter un contacto cos nosos alumnos, transmitirlles que seguimos aí, e para iso unha proposta equilibrada, variada e diversa de actividades diarias é unha boa receita, iso si, con reciprocidade, con interacción co alumnado, sabendo das súas inquedanzas. Temos ferramentas para elo: mensaxería, videochamadas e mesmo o teléfono se fai falta. Máis importante é un «que tal estás?» ou un «necesitas algo?» que un «ben feito, segue así».

A medida dos ingredientes é complexa, xa que non podemos sobrecargar, pero se conseguimos xerar un hábito que siga espertando curiosidade e resulte atractivo para as nenas e nenos, teremos feito un bo labor. As familias non poden sentirse esixidas, pero a bo seguro que recibirán de bo agrado que as súas fillas e fillos manteñan un mínimo de rutina con estas obrigas diarias. Atopámonos agora co problema da falta de medios e é aquí onde temos que facer o maior dos esforzos, poñendo a disposición todos os recursos que temos nos centros: ordenadores, material escolar, etcétera. Pero hai un que non podemos ofrecer: a conexión a Internet. É aquí onde opino que se debería tomar a medida máis ambiciosa, que sería forzar ás operadoras a abrir o límite de datos para que deste xeito todos tiveran acceso aos contidos. Quedaría agora unha porcentaxe moito máis baixa de familias que non dispoñen sequera dun teléfono intelixente, casos para os que si se poderían empregar os USB con conexión ou mesmo o traballo en papel.

Non se trata de dotar de medios para obrigar a facer, senón de que todo o mundo teña un mínimo de posibilidades para poder acceder ás propostas.

Espéranos unha terceira avaliación atípica, a distancia, e penso que non deberiamos perder moitas enerxías en formular escenarios para avaliar e cualificar, debemos centrarnos en adoptar as mellores medidas para o vindeiro curso. Alguén pensa que aínda que volvamos ás aulas a finais de maio os nenos estarán preparados para que lles bombardeemos con contidos? Despois do que están a pasar merecen que reduzamos a avaliación a un mes ou incluso menos?

Coido que neste aspecto as instrucións que cheguen dende as autoridades educativas deben ser claras e non deixar lugar a interpretacións por parte dos centros. A promoción debe ser automática, xa haberá tempo no curso 2020-2021 de tomar as medidas necesarias para evitar un salto curricular no alumnado e de apoiar e reforzar aos que teñen máis dificultades. Para iso será necesario evitar os recortes, e non falo de recortes salariais, que se nos tocan, creo que unha gran maioría asumiremos con naturalidade e solidariedade, senón nos cadros de persoal, xa que será preciso dotar os centros dos recursos humanos para poder levar a cabo medidas organizativas que permitan atender do mellor xeito posible as necesidades do noso alumnado.

En resumo, aproveitar estes meses da mellor maneira posible, con responsabilidade por parte das familias, pero sen presión e sen nervios, e dedicar os esforzos en preparar con tempo e con intelixencia os vindeiros anos sempre coa premisa de que os nenos e nenas non paguen as consecuencias. Os que xa teñan iniciado un cambio metodolóxico terán un horizonte máis tranquilo que aqueles que centran o seu ensino en encher páxinas dos libros de texto. Quizais sexa un bo momento para que reflexionen tamén.