O guía de turismo Guido Álvarez iniciou en redes un movemento a través dun hashtag para coñecer os sitios predilectos dos lucenses

María Guntín
Graduada en Periodismo por la UCM y Máster en Periodismo Avanzado Multiplataforma de La Voz de Galicia. Yo escribo desde la delegación de Lugo, pero tú puedes escribirme a maria.guntin@lavoz.es

Guido Álvarez é un lucense que hai uns días espertou un movemento social na cidade baixo o hashtag #LugoFavorito. «Nesta situación de alarma polo coronavirus, o primeiro que se me ocorreu foi colgar un post pensando nos Erasmus, por se precisaban que alguén lles traducise algo. Despois, pensei no hashtag, en que son momentos nos que a xente vai ter tempo, polo que precisará entreterse», conta Guido. Foi entón cando a través das súas redes sociais puxo en marcha esta iniciativa para, como el di, «construír memoria colectiva».

Ata agora, Guido recibiu máis de 400 textos de persoas que queren falar do seu Lugo favorito e o hashtag acumula máis de 3.000 mencións entre Instagram, Twitter e Facebook. «Estamos escribindo un libro día a día, de recordos e de memoria», engade este lucense, convencido de que, cando pase todo isto, publicará e dará forma a un volume composto polos textos de todos os lucenses que decidiron sumarse a esta iniciativa.

«Hai de todo, dende xente que fala da parte máis monumental da cidade ata outra que fala do natural, do sentimental ou do deportivo. Tamén hai quen utiliza a figura de Lugo para facer unha reflexión colectiva de todo o que está pasando», conta Guido xa que este proxecto que naceu nas redes sociais da pé a que broten as ideas máis creativas. Ademais, este guía cre que a xente de Lugo é moi reivindicativa polo que non ten dúbida á hora de falar da beleza e das oportunidades que ofrece a cidade e tamén a provincia.

Todo xurdiu porque a el sempre se lle deu ben a comunicación a través das redes sociais xa que sempre lle gustou compartir contido relacionado ca cidade. Creou unha comunidade virtual na que xa ten miles de seguidores. E decatouse de que os hashtags funcionaban ben e que tamén lle permitían chegar a máis público.

Ademais, esta iniciativa estendeuse nos últimos días a Vigo (Freetours Vigo) e a Monterrei (Turismo de Monterrei)

Guido é Guía Oficial de Turismo de Galicia e dende que recorda ten como prioridade apostar por Lugo e pola provincia porque, como el di, é moito de Lugo. Fíxose autónomo en agosto do ano 2019. «Tiven sorte porque os meses malos de inverno foron mellor do que cría, pero o bo viña agora e tiña reservas en marzo e abril que, loxicamente, están anuladas», explica. No 2019 decatouse de que tiña ganas de emprender. Decidiu non renovar o contrato na empresa para a que traballaba e tomouse seis meses «para pensar cara a onde quería ir». Estivo incubando o seu proxecto nun espazo coworking da cidade e as ideas brotaron de repente e ata cambiaron algo de rumbo. Foi entón cando decidiu aproveitar o seu potencial como guía e a súa marca persoal. «Entendín que a xente ve unha persoa, non unha empresa, polo que o tirón estes meses foi enorme», conta Guido.

O proxecto principal deste guía leva o nome de ‘Paseos guiados. O Lugo menos coñecido’ e, como era de esperar, tamén é un hashtag. «A idea é ensinar o Lugo menos habitual dos circuítos turísticos, lugares alternativos que poidan sorprender ata a poboación que vive aquí», explica. Xa que, por raro que pareza, moitas veces son os propios residentes os que menos coñecen os recunchos con máis maxia da cidade. «Somos os primeiros promotores do patrimonio, e tamén hai que aprender a desfrutar do que temos ao noso carón», explica Guido. Un dos puntos fortes deste guía é que atende a grupos pechados que chegan de axencias, asociacións ou particulares. 

Guido lendo algunhas das cartas que recibiu dos internautas
Guido lendo algunhas das cartas que recibiu dos internautas

Paseos con artistas

«A gran sorte que teño é que contei con moitos colaboradores neste proxecto e dinamizan moito todo o movemento», conta Guido. Entre as persoas que apoian esta iniciativa atópanse Otro Prisma, Concepto Circo, Espazo NU, Pedro Rolle (O Freixo dos Lobos Ecoturismo e Natureza), Santiago Iglesias (Confraría do Carme), Carlos Coto (Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego), José Pérez (ambientólogo de Sogos Consulting), Alberto Fernández (Topógrafo), Inside Out (academia de inglés), Gus Kalamburu, Hugo Fernández (fotógrafo), Iago Viana (fotógrafo), as irmás Cuíña (veciñas do barrio da Ponte), Asociación unidos polo Camiño, Asociación Rioplatenses en Lugo, Iago de Sant (Microsoños). Como artistas, súmanse Yoe 33, Diego AS, Kutxyllo, Noemí Núñez, Pía Piadosa, Iago Eireos, Gema López, Eduardo Fernández, Marcos Pereira.

«Organicei paseos pola cidade dos que saíron moitas parellas e amizades»

Guido ten 34 anos e estudou Turismo en A Coruña. Pasou 11 anos vivindo fóra de Lugo, noutras cidades de Galicia e no estranxeiro, ata preto dos 30. «Tiven moitas experiencias no mundo do turismo e como guía experimentara algunha cousa solta. Pero cando voltei a Lugo no 2015 acreditáronme en cinco idiomas como Guía Oficial de Turismo de Galicia», conta Guido, que tamén explica que a provincia de Lugo ten un gran potencial e que é necesario promocionar o patrimonio.

Comunidade de lucenses

«Traballei para empresas, organicei saídas e creei unha especie de comunidade na cidade. Paralelamente aos meus traballos acudín a un café de idiomas que había os martes e alí atopei un mundo que me encantou. Fixemos un grupo de Whatsapp para quedar. Eu saía pasear co meu pai e algunha vez propuxen por aí que se unira quen quixera. Isto virilizouse», conta Guido.

O papel das redes sociais

Este lucense tivo claro dende o primeiro momento que as redes sociais podían ser unha boa base de traballo e unha ferramenta para poñer en contacto a moita xente da cidade e arredores. Por iso comezou a colgar no seu Facebook fotos dos seus paseos e dos trazados que seguía. «Ao final, ese grupo de Whatsapp agrandouse e foi unha base estupenda para o proxecto que veu despois», conta Guido. Dos paseos saíron amizades e incluso parellas xa que, como explica este home, formaron unha gran familia. «A xente ata me dicía de facer unha aplicación tinder-paseos», comenta Guido entre risas.