-Que será das artes escénicas cando remate o estado de alarma?
-Confío en que se recupere a normalidade. Como en case todos os sectores non vai ser inmediato, parece que hai xente que pensa que dun día para outro todo vai ser como era antes. Eu penso que será un proceso longo, iranse retomando as actividades pouco a pouco e en función de cada sector. Ao noso tocaralle cando lle toque. No meu caso dou por descartado obter ingresos ata outubro e, claro, hai compañeiros que teñen unha perspectiva de que estar sete meses sen un ingreso resúltalles complicado e pouco esperanzadora. Pero se eu a podo retomar en outubro non será tan malo. Porque unha cousa será saír á rúa cando se levante o estado de alarma, pero eu vivo das actuacións en directo e non sei cando será o día no que se poidan encher os teatros de novo e se o protocolo de prevención permitirá que haxa 700 persoas pegadas nun teatro. Por iso non ten sentido amargarse por cousas que non se sabe como van ser. Cando ocorran, se ocorren, xa se analizarán.