Máis vale confinados que con finados


Quen escribe xa pasou dos setenta anos, por tanto é cidadán de risco e a cousa non está para brincadeiras por escrito, que ademais poden pasar factura e volverse en contra. Non vamos logo pronunciar a palabra maldita, que non somos monárquicos nin masoquistas, Faremos como o noso amigo Pepe Otero que filosofa estes días con escepticismo estoico: pensar en voz alta e clara sobre un asunto que nos afecta a todos.

Agora vaise demostrar a sen razón de vivir amoreados en cidades e vilas e as vantaxes de morar no campo en lugares acasarados e dispersos, -como sempre foi durante séculos a Galiza rural, que hoxe en dia esta ficando lamentabelmente deshabitada-, en un mundo con exceso de comunicacións pola globalización, corre de aquí para alá, con viaxes aéreas a toda parte do mundo e un consumo excesivo de bens que leva ao colapso do planeta. Logo estanos ben merecido a estes avanzados homos sapiens do Antropoceno. A vida que levaron os nosos avós era máis limitada, pero moito mais natural, sensata e autosuficiente.

Nas casas das aldeas practicaban o autoconsumo, salvo roupa, aceite, sal, viño, caña, azúcar e arenques salgados ou sardiñas, dos se provían en feiras e tabernas. Que nos facía falta para vivir e sobrevivir? Unha casa máis ou menos ampla, alimentos conservados, un pouco de horta e cortello, leite, calor da cociña ou da lareira, traballo ben levado fóra e tranquilidade. E quizá un pouco de medo a todo e pouco andar por aí. Eses tempos pasaron. Viñeron os cartos, os coches, as teles e os supermercados. Nos tempos actuais estábamos expostos a unha epidemia que se propaga máis facilmente se moramos apertados en colmeas das cidades e vilas como abellas e velutinas de acó para aló, mais menos organizados.

Desde tempos dos romanos e antes, as cidades sempre ben defendidas contra atacantes por murallas e torres, eran porén vulnerábeis ás pestes e incendios. No Decamerón, Boccaccio fai que os conversadores que contan as historias escapen da vila e fuxan para un lugar apartado e seguro, incomunicados, confinados.

Hoxe en dia, tamén refuxiados nós, non estamos incomunicados nas nosas casas ou andares. Temos medios de comunicación e entretemento, música e libros. Agora comprendemos que nos pasados séculos a xente sabia sobrevivir nas casas durante o inverno e os libros, - quen os tiña e sabia ler-, axudaban a pasar o tempo à luz das candelas, con traballos e labores caseiros ou as conversas con familiares e veciños.

Agora as familias non son tan numerosas e viven dispersadas polo mundo adiante. Na nosa temos os fillos nas cidades, salvo un con nós, felizmente. En case todas as familias pasa algo parecido e só menciono isto como un exemplo.

 Con este tema recorrente e obsesivo que nos ameaza, por fin démonos conta de que somos vulnerábeis e fráxiles nas nosas vidas tan ricamente vividas con todos os adiantos. Dentro de algún tempo, esperemos que pronto, todo terá pasado, incluso o medo que é mouro, e volveremos a malgastar a vida con cousas que non son necesarias, alegremente saíndo por fóra, falando con xente, indo a festas e comidas, actos públicos e privados, para gozar desta vida, que non debía ser un val de lágrimas triste e só.

Así que ánimo e forza a todos, e saudiña, que hai que conformarse coa situación actual de confinamento e calar a boquiña, porque como dicía no título, mais vale confinados, que con finados, iso o último. Oxalá todos os que isto lean non teñan ningunha morte entre os seus familiares, amigos ou veciños. E si, chegará a primavera à nosa patria!

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Máis vale confinados que con finados