Coira e Charlín, a preocupación a 8.000 quilómetros da desgraza

O técnico na Spanish Soccer School de Dubai e o director da academia Celta Campeche sofren por España desde a relativa calma ante o COVID-19 nos seus países de acollida


vilagarcía / la voz

O extraordinario crecemento da propagación do coronavirus COVID-19 levaba o 11 de marzo á Organización Mundial da Saúde a deixar de falar dun brote, para facelo de pandemia. Tres semanas despois, practicamente ningún estado do planeta está libre de sufrila en maior ou menor medida. A nivel persoal, son moitos os que deben superar esta crise a fronteiras de separación dos seus. E inda que, como nos dous casos que nos ocupan, os seus actuais destinos lles ofrecen neste momento unha aparente maior seguridade, tanto o vilagarcián Pablo Coira como o cambadés Blas Charlín están a sufrir pola súa xente e polo seu país coas noticias que cada día lles chegan a 8.000 quilómetros de distancia.

Sete anos leva o no seu día campión do mundo Sub-20 cos Xavi Hernández e Iker Casillas traballando en Dubai (Emiratos Árabes Unidos) no corpo técnico da Spanish Soccer School que dirixe outro ex xogador do Celta, Míchel Salgado. Fronte aos máis de 110.000 contaxiados e 10.000 mortos rexistrados onte en España, as cifras nos E.A.U. eran de 814 e 8. Pero, di Coira, «aquí», nun país cun aeroporto que serve de ponte entre Asia e Europa, «tomáronse medidas moito antes ca en España, onde se tirou pola rúa do medio. Os coles levan pechados máis dun mes, e acaban de notificar que non se volverán abrir ata setembro, cando o curso soe rematar en xullo. Unha semana despois clausuraron os eventos con aglomeracións de xente., hai dúas semanas os clubs deportivos, hai unha semana os centros comerciais. E desde hai sete días hai toque de queda de 8 da tarde a 6 da maña. Só se manteñen as actividades de primeira necesidade, como agora en España».

Con todo, durante o día se permite a libre circulación das persoas, que deben levar máscara para ir pola rúa, e «con multas para os que se salten a corentena» no caso dos contaxiados. Nun estado que, relata o vilagarcián, mesmo usa drons para a desinfección dos espazos públicos, no que «hai traballadores limpando os carriños e as cestas da compra» e sen falta de medios para a protección e desinfección persoal, a sensación xeral é de «bastante tranquilidade».

«A miña verdadeira preocupación», di Pablo, «é España. Dáme pena ver que é un dos países máis afectados. Non podo estar alí, coa xente que quero, o espazo aéreo aquí está pechado. Falo moito con eles. Dinme ‘Non se che ocorra volver, a situación está moi mal’».

Inda que crítico coa tardanza en España na reacción fronte ao coronavirus, Coira defende que agora «non toca buscar culpables, senón solucións». E manda «¡Moito ánimo!» á xente da súa terra.

O seu excelente labor á fronte da academia do Celta en Brasov, Romanía, levou o pasado outono a Blas Charlín á silla de dirección da súa irmá en Campeche, México, cidade de adopción do presidente celtista e perla do proxecto internacional de fútbol base do club vigués. As cifras relacionadas co COVID-19 eran onte de case 1.400 contaxiados e de 37 mortos no país azteca. «Aquí a sensación é de tranquilidade total», declara o cambadés, que se confesa «sorprendido» pola, por fortuna, escasa incidencia ata o momento da pandemia en México, non se sabe se quizais polas altas temperaturas, por enriba dos 30 graos.

Con todo, tamén alí xa se tomaron medidas, claro que con cada estado -equivalente ás nosas autonomías- decidindo cada un as súas: «En Campeche levamos dúas semanas no nivel 2 (de 3) de continxencia. As escolas pecharon do 15 de marzo ao 20 de abril, igual cas canteiras de fútbol. Os restaurantes tamén están pechados, pero pódese seguir saíndo á rúa. Inda que a maior parte da xente está quedando nas casas, e tamén foi acopiando comida para ter para 2-3 semanas sen saír polo que poida pasar, algo que nunca se víu aquí, nunha zona de economía de subsistencia. Aquí ata agora está sendo máis unha batalla persoal, sen o Estado», apunta Blas.

Charlín está «enganchado as 24 horas ás televisións de España». Como Coira, «moi preocupado» por unha situación que «me colleu totalmente por sorpresa» pero tamén, declara, «esperanzado. Agora estánse facendo as cousas ben. Sei que a miña familia se está coidando moito. Confío en que isto termine canto antes. E cando o faga, decatarémonos do felices que eramos antes sen sabelo». E inda máis. Blas divisa un novo mundo: «Creo que isto vai abrir unha nova era, e nos vai facer mellores persoas».

 

Temor a ver finiquitadas as mellores tempadas na historia das súas factorías de fútbol

Pablo Coira e Blas Charlín comparten moitas cousas. Entre elas, a excelente marcha esta tempada das súas respectivas academias, ata o punto de poder falar do mellor curso nas súas inda curtas traxectorias. As dúás corren neste momento o perigo de verse definitivamente truncadas de non conter pronto o planeta a pandemia do COVID-19.

Son uns 1.200 os rapaces de ata 18 anos que se forman na Spanish Soccer School. Coira dirixe os equipos Sub-10 e Sub-13. Este último vén de rematar cuarto no Torneo Intercontinental de fútbol base que a comezos de ano organiza Míchel Salgado en Dubai, con boa parte da elite do balompé mundial. Só o Real Madrid, Inter de Milan e Porto quedaron por enriba dos de Coira, que como practicamente o resto de equipos da academia, están liderando as súas ligas.

Na mesma liña, con só seis anos de existencia, a academia do Celta en Campeche, con 240 xogadores, está a se converter, se non o é xa, na mellor factoría de futbolistas da Península do Yucatán, comenta Charlín, que a falta de cinco partidos para a conclusión das ligas regulares ten o equipo Sub-15, o que el dirixe, líder da Liga Nacional, o Sub-13 terceiro e o Sub-17 roldando un dos catro postos con dereito a disputar a final a catro na que despois se deciden os títulos.

Próximas viaxes cos seus chavais ao Salnés anuladas

O equipo alevín do Celta Campeche tiña programado viaxar hoxe mesmo a Galicia para unha pequena xira que incluía a súa participación na previa do AF7, con Blas Charlín á fronte. Pablo Coira tiña previsto voltar a Arousa a finais de maio e no mes de xuño para dirixir o equipo Sub-10 da súa academia no Cidade de Vilagarcía e o Sub-14 na Copa Ribadumia Infantil. Experiencias que deberán quedar para outra ocasión.

Tal é así, que Pablo Coira era onte tamén escéptico ante a pregunta de que vai acontecer co seu campus estival en Vilagarcía: «Imos agardar. Inda queda moito ata xullo. Ogallá se poida facer, pero porque iso significaría que o país está de novo ben».

Neste momento, os dous técnicos concentran o seu labor en axudar os futbolistas das súas academias a manter o estado de forma e a motivación confinados nas súas casas, exprimindo os recursos que ofrecen as novas tecnoloxías.

Agradecido co presidente do Celta por garantir o salario

A academia do Celta é só unha parte do conglemerado empresarial que o presidente do club vigués, Carlos Mouriño, ten en Campeche. Blas Charlín quixo agradecerlle a este publicamente «o seu grandísimo xesto» de garantirlles aos seus 1.500 traballadores en Campeche o salario íntegro a lo menos en abril fíxense as restricións que se fixen polo coronavirus.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Coira e Charlín, a preocupación a 8.000 quilómetros da desgraza