O Concello de Vilagarcía utilizará o convento dos claretianos para aloxar a familias en situación de risco

La Voz VILAGARCÍA

SOCIEDAD

MONICA IRAGO

A previsión é que os dormitorios estean dispoñibles a mediados da vindeira semana

28 mar 2020 . Actualizado a las 14:57 h.

O Concello de Vilagarcía chegou a un acordo coa Orde dos misioneros claretianos para dispoñer da zona residencial do convento de «Los Padres» para dar aloxamento a unidades familiares que poidan atoparse en situacións de risco derivadas da crise sanitaria do coronavirus. O acordo permitirá ao Concello dispoñer de forma gratuíta dos trece dormitorios do segundo andar do edificio da praza da Constitución, en desuso dende que a orde pechou ás instalacións hai uns anos, para aloxar ás persoas que, segundo unha avaliación previa dos Servizos Sociais municipais, precisen deste servizo.

Pese a levar uns anos baleiras, as instalación atópanse en bo estado. As habitacións do segundo andar están totalmente amobladas e contan con baño individual o que, en caso de ser necesario, tamén facilitaría o illamento de persoas en corentena por dar positivo en coronavirus ou por ter estado en contacto con algún enfermo.

Inicialmente habilitarase oito habitacións, coa posibilidade de ampliar o número en caso de ser necesario, e a zona da sala de estar, segundo informa o Concello. As persoas derivadas polos Servizos Sociais poderán pasar o confinamento nelas, respectando as normas do estado de alarma como calquera outro cidadá. Dado que as habitacións non dispoñen de cociña, o Concello garantirá a alimentación dos usuarios a través dun servizo de entrega a domicilio contratado cun establecemento hostaleiro da localidade.

A cesión por parte dos Claretianos é totalmente altruísta, polo que o Concello soamente terá que facerse cargo dos gastos de mantemento das instalacións (auga, luz, limpeza..) durante o tempo que as utilice, así como do seguro de responsabilidade civil, o que quedará recollido nun convenio.

MONICA IRAGO

A previsión é que o aloxamento alternativo para unidades familiares en situación de emerxencia derivada da crise sanitaria estea en disposición de ser utilizado a mediados da vindeira semana, sempre en función das necesidades detectadas polos Servizos Sociais.

Operarios de Obras do Concello revisarán as instalacións para realizar unha posta a punto dos servizos de luz, auga quente, calefacción… e, por último, farase unha limpeza xeral para que todo estea en perfecto estado no caso de que sexa preciso utilizar os aloxamentos.

O goberno local agradece publicamente á Orde dos misioneros claretianos a disposición a colaborar que amosaron dende o primeiro momento no que se lles trasladou a proposta municipal, «un exemplo máis da solidariedade que, agora máis que nunca, é necesaria para afrontar as consecuencias da pandemia do COVID 19 e á que so poderemos vencer loitando xuntos e remando nunha mesma dirección».