O primeiro médico que recibe a alta por coronavirus en Ourense: «A responsabilidade individual é fundamental na loita que libramos»

O neumólogo do CHOU Armando González agarda pasar a recuperación para incorporarse e axudar aos seus compañeiros


Ourense

O día 9 traballou con normalidade no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. Aínda que pola tarde, xa na casa, comezou o que para Armando González López sería a súa experiencia na compaña de COVID-19. «Na consulta custoume rematar a xornada, porque me atopaba algo canso e tiña dor articular. Á tarde metinme na cama porque non me atopaba ben e a iso das sete tiña 38,5 ° de temperatura». Cando chamou para comunicar que ao día seguinte non podería ir traballar xa se iniciou o proceso. «O meu xefe dixo que me quedase na casa e virían facerme a proba e dende ese día xa quedei pechado». O 14 foi ingresado no CHUO e o 26 dérono de alta.

Xa no seu domicilio, o neumólogo ourensán fai un chamamento á responsabilidade cidadá e salienta o «magnífico e excepcional traballo que están a realizar os sanitarios galegos». A mensaxe de Armando González á clara: «A responsabilidade individual é fundamental na loita que libramos contra o coronavirus. Hai que quedarse na casa, non ir ao supermercado ou a calquera outro sitio se non nos atopamos ben, porque podemos contaxiar. E facer un control dos indicadores: se temos febre alta varios días seguidos, tose e sufocación é cando debemos avisar ao 061 para que nos fagan a proba. Non podemos deixarnos levar pola alarma porque daquela colapsamos o sistema sanitario».

Isto ten cura

Armando González gravou un vídeo dende a súa casa para agradecer o traballo do persoal do CHUO e para lanzar unha mensaxe clara na que incide: «Isto ten cura e do coronavirus sáese e imos conseguir vencer esta pandemia».

Da convivencia co coronavirus salienta a rapidez do proceso e o engano do estado no que se atopa un. «Experimentas un inicio brusco dun cadro severo e logo é como un gripazo, pero moito máis intenso. Tamén hai unha fase na que a situación é de engano: víame mellor do que realmente estaba. A ti paréceche que estás ben, pero as probas obxectivas din o contrario». Na súa mensaxe de esperanza a todos os infectados incide no traballo dos sanitarios e no feito de que o tratamento «é o mellor que temos e o mesmo que se está a aplicar en todo o mundo».

Logo do test negativo do coronavirus deberá realizar outro dentro de dúas semanas para confirmar o negativo. Quedan dúas semanas por diante e recoñece que as empregará no normal nestas circunstancias. Á súa faceta profesional Armando González suma aspectos como o de escribir cancións para María do Ceo, ser membro da directiva do Liceo de Ourense o do padroado da Fundación Carlos Velo. Recoñece que a algunha destas cousas adicará o seu tempo tamén, aínda que obxectivo é outro: «Só quero recuperarme para incorporarme e axudar aos meus compañeiros porque hoxe facemos falta todos nesta loita».

Carmen Leyte, a súa muller, está a recuperarse na casa familiar

González xa está de volta, despois de doce días ingresado nos que a súa muller, a senadora Carmen Leyte, se recuperaba do coronavirus na casa. Ela tamén dou positivo e aínda está pendente do resultado as probas que lle dirán se xa está curada. Mais asegura non iso non ten présa. «Eu non vou cambiar hábitos, porque estou confinada aquí e vou seguir; así que é máis urxente que lle dean o resultado a quen estea no hospital por se pode saír», contaba este sábado Leyte, que non ocultaba a ledicia que había na casa desde o xoves coa volta de Armando despois de doce días ingresado. Foron xornadas duras, nas que recoñecía que tirou moito de teléfono para poder estar en contacto. «Falabamos varias veces ao día, e agora co dos teléfonos intelixentes, a posibilidade de vernos axudaba moito», sinalaba. Ao tempo, remarcaba o feito de que ao vivir nunha casa no rural (en Cartelle, onde foi alcaldesa durante 7 anos, e ata 2017) pode considerarse unha privilexiada. «Eu podo saír pasear polo xardín sen ser un risco para ninguén, porque non hai ningunha casa cerca», dicía. Apuntaba entón que pensaba na xente que está confinada con nenos nun piso en Madrid, que o estará levando peor. E entón nomeaba o fillo, que vive na capital do Estado e ademais é médico alí. «Esa situación preocúpame máis», dicía.

Leyte quixo agradecer publicamente o traballo dos sanitarios e non sanitarios que están traballando nos hospitais.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

O primeiro médico que recibe a alta por coronavirus en Ourense: «A responsabilidade individual é fundamental na loita que libramos»