José Manuel Penela: «Hai xente maior coa que rezo algunha oración por teléfono»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

SOCIEDAD

Óscar Cela

O párroco de San Froilán está pendente acotío de persoas de idade avanzada ou que viven soas

26 mar 2020 . Actualizado a las 11:27 h.

Os lucenses que pasan estes días pola praza de Ferrol poden ver aberta a igrexa de San Froilán. Mentres a sociedade tenta loitar contra a epidemia de coronavirus e soportar as consecuencias do estado de alarma, ter a igrexa aberta é unha decisión máis simbólica ca una maneira de buscar na xente un efecto chamada, como di o crego José Manuel Penela (Silleda, 1982). Porén, que a xente teña que quedar case pechada na casa non lle impide manter estes días o contacto cos fregueses, aos que chama por teléfono ou manda mensaxes.

-Cal é o papel que pode desenvolver un párroco coma vostede estes días?

-Estes son días de incerteza para todos. Cando comezou esta situación, colleunos co pé cambiado. Os primeiros días as parroquias fomos convencendo á xente de que a cousa ía ter gravidade. Á xente que viña pola parroquia dicíaselle que era mellor que quedase na casa. Logo empezouse coas chamadas. Vou a algunhas casas cando é necesario, pero partindo do principio de poñer en perigo a vida da xente o menos posible. Se podo facer unha cousa por teléfono ou levar algunha cousa e deixala no portal, mellor, porque hai que expoñerse aos perigos o menos posible. Hai xente maior que, aínda que está soa fisicamente, quere sentir que segue a estar acompañada. Os primeiros días estaban un pouco desorientados; agora xa hai unha rede. Estamos pendentes dos que están sós, ofrecéndolles o que podemos. Se estamos pendentes deles todo o ano, agora máis.

-Que se pode facer por teléfono dende o punto de vista da relixión? Pódense impartir os sacramentos, por exemplo?

-Non se pode. O que se fai estes días é unha especie de dirección espiritual. A xente confesa os seus pecados, pero queda pendente de que nos vexamos persoalmente. O que se fai é un acto de contrición: «Recoñezo os meus pecados, e, cando poida, irei confesarme».

-E a unción dos enfermos?

-Non. Sería un caso de achegármonos con máscaras. De feito, nos hospitais os capeláns están a facer iso. Hai directrices para achegármonos á xente con todas as precaucións, coma o resto; hai que actuar con coidado.

-Nota que estes días a xente maior está máis soa ca noutras circunstancias?

-A xente saía, ía á compra, daba un pequeno paseo, atopaba xente... Era a súa maneira de vivir e de convivir. Os primeiros días asustábanse; agora vanse adaptando. Hai que recoñecer que eles se levan adaptado a moitos cambios; non sei se eu sería quen de adaptarme a tantos cambios como fixeron eles... O problema que vexo é se en Lugo se lle comeza a poñer cara á enfermidade, con persoas coñecidas. Pero o noso obxectivo é que ninguén se sinta abandonado.

-Reza algo por teléfono coa xente maior?

-Hai xente coa fago algunha oración por teléfono; por exemplo, cando alguén ten unha inquietude ou unha preocupación en concreto.

-Hai algo máis de espiritualidade estes días?

-Estes momentos póñennos diante de momentos esenciais da nosa vida. Entendo que é un momento para unha certa reflexión.

-Cre que se decata a xente do que a vostede en particular e a Igrexa en xeral están a facer?

-Si. Vese como un toque de esperanza. A xente di: «Todo o mundo está a facer o que pode, e a Igrexa, tamén». É un tempo no que estamos separados, pero podemos estar pendentes dos demais da mesma maneira.