«Come a comarca» cociña este mércores a riqueza gastronómica do Deza

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG

O concurso-reality de TVG emite esta noite, ás 22.30 horas, o seu segundo programa

25 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Televisión de Galicia emite esta noite (ás 22.30 horas) a segunda entrega do programa Come a comarca, un concurso gastronómico no que cinco cociñeiros afeccionados viaxan a cada unha das diferentes comarcas galegas para coñecer os seus pratos típicos e enfrontarse aos mellores cociñeiros profesionais de cada zona facendo os pratos nos que son especialistas.

Nesta segunda entrega, o equipo de cinco cociñeiros afeccionados do programa visita a comarca do Deza para coñecer os segredos da súa gastronomía e aprender a facer o menú máis tradicional de toda a zona, e que estará composto por empanada de liscos, mini-hamburguesas de cocido e rosquillas.

Alejandro Iglesias, xefe do restaurante Cabanas, será o encargado de guiar aos concursantes pola gastronomía do Deza. Para aprender a preparar estes pratos, os cociñeiros afeccionados irán a Embutidos La Lalinense, en Lalín, a aprender a facer un cocido reinventado en hamburguesa. En Prado, na mesma localidade, visitarán o Muíño de Cuíña e aprenderán a facer as mellores empanadas do mundo con Carme Pillado e Lola Sangiao, dúas senlleiras gañadoras da Empanada de Bandeira.

Por último, visitarán aos veciños de Abades, en Silleda, para que poder aprender con eles a amasar e a dar forma á sobremesa máis característica da comarca, a rosquilla.

Unha vez desvelados os segredos destas tres receitas, o equipo dos cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular, na Praza da Igrexa de Lalín, aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Alberto González e Esperanza Taboada, do Bodegón Currás (Lalín); as irmás Cristina e Cecilia Sanmartín, de Casa San Martín (O Corpiño, Lalín), e José Marcelino Varela, da Confitería Tábora (Silleda). A súa habilidade nos fogóns será determinante para que un xurado popular composto por quince veciños da comarca decida cal é o equipo que «come a comarca» do Deza.

O novo espazo de TVG é un concurso-reality gastronómico presentado por Fran Cañotas e dirixido por Edu Lavandeira (director do programa Buscadores de naufraxios, gañador do Mestre Mateo 2019 ao mellor programa de televisión). A primeira temporada consta de 13 capítulos, en cada un dos cales se porán enriba da mesa as receitas tradicionais máis típicas da cada zona visitada.

Este é o equipo de «Come a comarca»

ALEJANDRO RODRÍGUEZ

Ex Alcalde de Oia (Pontevedra). 65 anos. Nacido en Mougás, despois dunha vida profesional na que fixo de todo, foron «romperlle a cabeza» para que se presentase ás eleccións e rematou gobernando Oia durante tres lexislaturas consecutivas. Alejandro vive a escasos metros do mar, ao cal ama profundamente. Por mor diso está especializado na cociña nos produtos que lle ofrece o Atlántico e que el mesmo acostuma a pescar. Ademais da pesca, tamén é afeccionado á caza, aínda que non leva 20 anos indo ó xabarín e aínda non mateu ningún. A súa veteranía convérteo nun home tranquilo ata nos momentos máis tensos que se viven nunha cociña.

 

CESAR DOMINGUEZ CASTRO

RULO PAZ

Cantante de orquestra (Madrid). 34 anos. Nacido en Madrid, con familia no Bierzo e fillo adoptivo do Grove. Fala cunha gheada e seseo tan auténticas que non se diferencia dun auténtico meco. Traballou de todo, ata na mina, pero leva máis de 10 anos metido de cheo na verbena. A última temporada fíxoa coa Orquesta Panorama e agora empeza con Arizona. A cociña é a súa paixón, aínda que coa vida que leva ten pouco tempo para comidas máis elaboradas que as que se poden quentar no microondas dun dos camións da orquestra. Ten chispa, aprende moi rápido e dá que falar.

 

Ramón Leiro

OFELIA LEMA

Vixiante de seguridade (A Estrada). 40 anos. Ao igual que Alejandro, tamén pasou unha etapa da súa vida ligada á política e chegou a presentarse á alcaldía da Estrada coa formación A Estrada Pode. Ofelia é criminóloga e traballa actualmente como vixiante de seguridade aeroportuaria. A afección pola cociña chegoulle tarde pero o seu carácter curioso levouna a cultivar na súa propia horta todo tipo de hortalizas e froitas que logo emprega na cociña da casa. Pica verduras á velocidade do raio e é especialista nos arroces, concretamente nos de cogomelos, sobre todo despois de cultivalos unha temporada na casa e sacar tanta produción como para comelos un ano enteiro. É moi perfeccionista analítica.

 

CESAR DOMINGUEZ CASTRO

MARÍA JOSÉ BASANTA

Funcionaria (Santiago de Compostela). 50 anos. María José é máis coñecida no mundo das redes sociais como “Lauri” ou “Laurel”. E é que ademais de traballadora da administración pública María José é blogueira gastronómica e o seu nome artístico (e o do seu blog) é “Laurel y Canela”. María José é unha namorada dos doces e toda unha experta na elaboración de postres. Di que é o que máis lle gusta facer tanto cando está de bo ánimo como cando non o está tanto. Os seus brownies de chocolate causan furor entre os seus achegados e nunca faltan nunha mesa en calquera celebración ou reunión de amigos. Encántalle ser a anfitrioa e alá onde vai tira de teléfono móbil para fotografar o prato que ten diante e subilo ao seu instagram. Baixo o seu sorriso permanente atópase unha muller de carácter.

 

CESAR DOMINGUEZ CASTRO

CELIA GONZÁLEZ

Peixeira (Xinzo de Limia). 42 anos. Celia traballou de administrativa e tamén como peixeira. Achegouse ao casting de “Come a Comarca” obrigada por unha amiga e xunto con ela, pero só Celia foi seleccionada. Encántalle a cociña e os sabores tradicionais propios do interior da provincia de Ourense aínda que é experta no peixe despois de traballar man a man con rapes e pescadas durante 7 anos nun supermercado. Apaixonada tamén dos deportes, chegou a practicar durante unha época o “kickboxing” para desestresarse do traballo diario. Trátase do membro do equipo co carácter máis explosivo e imprevisible.

CESAR DOMINGUEZ CASTRO