Roberto Castelo, de Alianza y Barros (funeraria): «Perder un ser querido sempre é difícil pero agora hai unha tristura engadida»

Sinala que reciben moitas chamadas por teléfono para darlles o pésame ás familias dende o estado de alarma


VIVEIRO / LA VOZ

Un decreto do Goberno central acelerou os enterros e tamén modificou a forma de traballar nos servizos funerarios, que á vez seguen escrupulosamente o protocolo de medidas de seguridade ante o coronavirus. Por outro lado está a parte humana, como afrontan a nova e extraordinaria situación. De como fan esa adaptación profesional e humana fala nestas liñas o xerente de Alianza y Barros Servicios Funerarios en Viveiro, Roberto Castelo. Os catro últimos enterros xa os tiveron que facer coas restriccións.

-Cal é o ánimo co que están a traballar nestas circunstancias e como afrontan esta crise, sendo un dos sectores tamén moi implicados no que está pasar?

-Nos servizos que fixemos esta semanas, a resposta da xente está sendo moi boa, moi comprometida coa circunstancia, non quere duelo e cumpre estritamente as normas de que non haxa máis de dez persoas na sala, manteñen a distancia de separación... Está sendo exemplar. A nosa obriga é informarlles ás familias, pero eles xa che din que son coñecedores e ‘o que vosoutros digades’.

-Respetan o seu traballo.

-Moitísimo! A xente está moi concienciada coa situación.

-Agrega máis carga emocional nun enterro dun ser querido?

-A xente bota de menos amigos ou xente moi cercana, é unha situación incómoda, si que se notan ausencias, tamén de familiares que viven lonxe e que non se poden desprazar. É unha despedida máis íntima e pequena e non como as que se adoitan facer... e máis emotiva sinceramente.

-O cambio foi moi brutal.

-Incluso a nivel vecindade hai xente que conviviu cos veciños toda a vida, xuntos, e non poden vir despedir a un veciño. É unha situación que noto, que hai veciños que teñen tanta vinculación como a familia, incluso amigos ou compañeiros de traballo. A veces tes relación con esa xente que che gustaría que estivera, e que querían vir polo aprecio. A xente está a chamar por teléfono ou manda o pésame por Internet. Telefónicamente chama moita xente para pasarlles coa familia e poder dicirlles unhas palabras.

-O seu traballo, como o viven?

-Perder un ser querido sempre é difícil, pero nestas circunstancias hai unha tristura engadida. Esa é a sensación que hai. Danse dúas circunstancias. Ao final non estás a despedir o ser querido como che gustaría, non pola multitude, senón porque o farías doutra maneira. Tamén se fai máis rápido, en menos de 24 horas.

-As imaxes que nos chegaron dos féretros e do exército de Bérgamo en Italia poñen os pelos de punta. Oxalá non o vexamos!

-A imaxe dos ataúdes na catedral e cando vin saír os camións militares cargados con tantos impresionoume moitísimo. É unha imaxe que ogallá en España non veña. É impactante, incluso para nós mesmos. Comenteino con compañeiros do sector.

-Notan máis estrés laboral polos requisitos para traballar?

-Como empregados estamos levando a cabo todas as precaucións. Si, non se traballa comodamente nin con normalidade. Temos a sensación de estar moi vixiantes con todo o que se fai. Todos os pasos son moi seguros: desinfectar os veículos, cando queda o tanatorio baleiro desinfectar todos os pasamáns, os lavabos... e traballar con mascarillas e guantes. Xa antes eramos moi coidadosos niso; agora moito máis.

-Hai que sacrificar a comodidade pola seguridade.

-Efectivamente, é o principal. Por encima de todo, a seguridade. En Madrid xa é obrigatorio, pero o que si están recomendando é que ante un caso de coronavirus se incinere para manipulalo o menos posible. A incineración é a vía máis lóxica e mellor para todos, a familia e nosoutros.

-Naqueles casos que acaban en falecemento, a única compaña posible para eles é a do sanitario.

-Ten que ser moi duro para un familiar non poder despedirse. Aqueles que teñan xente ou maior ou moi enferma, que se vaian preparando sicolóxicamente. É moi difícil, pero é o que hai, e toca e é polo ben de todos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Roberto Castelo, de Alianza y Barros (funeraria): «Perder un ser querido sempre é difícil pero agora hai unha tristura engadida»