«Nos supermercados hai unhas colas infinitas e unhas tres horas de espera»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

SOCIEDAD

Cedida

Elena Ferradás, nada en Rodeiro, e a súa familia, viven de preto a situación nunha das zonas máis afectadas polo coronavirus en Italia

22 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tras varios días pechados, a quen máis e a quen menos o confinamento váiselle facendo costa arriba. Se nós nos queixamos, outros levan máis tempo sen saír practicamente da casa. É o caso de Elena Ferradás, natural de Rodeiro e que reside coa súa familia en Cesate, na área metropolitana de Milán, una das zonas de Italia onde golpea con forza o coronavirus.

-Canto tempo levades xa pechados na casa?

-Dende finais de febreiro. Dende o 21 de febreiro ata o 9 de marzo xa estivo pechado todo o que era a zona vermella. Levamos tres semanas traballando dende a casa. Temos amigas que as obrigan a traballar no seu posto habitual. Nalgúns casos fan quendas, e hai empresas nas que os traballadores acabaron levando os ordenadores fixos para a casa. A miña é unha empresa química, eu son comercial e xa traballaba dende a casa e movíame por Europa. O meu marido é enxeñeiro informático, traballa para unha multinacional, e agora estamos os dous na casa.

-As escolas aí tamén están pechadas, e supoño que de momento non se sabe ata cando durará...

-O decreto di que as escolas estarán pechadas ata o 3 de abril, pero xa se dixo que non abren, e están pensando se o fan despois de Semana Santa ou en maio. Aquí o curso remata o 5 de xuño, polo que igual xa non abren máis. A principios de febreiro déronlles as notas do primeiro cuadrimestre. As miñas fillas teñen 9 e 11 años. A maior vai á escola media, e levan dende o 21 de febreiro sen aulas. Fan deberes e videoclases, pero non é o mesmo. Eu non estou segura de que van facer, de como se vai cualificar, se van contar ou non os traballos... Mesmo circula a hipótese de que igual lle poñen un 6 a todos, porque ao parecer xa houbo un precedente nunha rexión, cun terremoto que provocou que quedaran sen clase una tempada longa e acabaron póndolles un 6. Dependerá dos cursos, pero tampouco se fala diso.

-Como levan elas o feito de non poderen saír?

-Por sorte, temos un pequeno xardín. Está indo moi bo tempo e podemos comer fóra, aínda que o encerro faise bastante pesado e ves moita tele, é inevitable.

-Tendes as mesmas restricións?

-Practicamente, pero estanse facendo cada vez máis estritos. Podes ir mercar o pan, pero se che pillan a máis de 200 metros da casa pódente multar. O can ten que facer as súas necesidades diante da casa. O obxectivo é que a xente non se mova. Eu estou a 12 quilómetros de Milán, pero hai unha densidade de poboación moi grande. Os concellos non están separados, son rúas unha detrás da outra: ao final da nosa xa muda a provincia. Ás seis saen todos os días os datos do crecemento dos contaxios, e a cousa está moi chunga. Os hospitais de Milán están cheos de xente das provincias do norte, e iso que aínda non pegou forte en Milán, que cando o faga, coa cantidade de xente que somos...

-Hai moitos controis?

-A policía está controlando moito, pero estudaron o movemento de persoas en Lombardía e aínda é grande. Aquí temos máis medo, pero noutras zonas as feiras séguense facendo, a xente séguese xuntando...

-Como é ir ao supermercado?

-Hai colas infinitas. Teño unha amiga que me mandou hoxe unha mensaxe na que me dicía que había tres horas de espera, porque hai que respectar a distancia: deixan entrar de cinco en cinco, e a xente demórase moito. Hai supermercados que che levan a compra á casa pero iso está imposible. Eu conseguín facer a compra por Internet, porque as páxinas funcionan moi mal e todo está moi saturado; póñenche unha hora, e o domingo [por hoxe] teño que ir recollela e pagar. Así tes menos contacto, porque só vas e pagas, e polo menos enches o carro.

-Hai desabastecemento?

-Tes de todo, pero a xente acapara, e cando vai merca para unha semana ou para un mes. Ao mellor no momento que vas non hai iogures, ou queixo, ou manteiga, ou non atopas lévedo para facer pan. Somos moita xente; xa había colas habitualmente, e canto máis agora, que hai que entrar de poucos a poucos.

-Hai máscaras?

-Eu mercara unhas, case tiven que empeñar un ril, e nin sequera son das boas, son das normaliñas, pero non se atopan en ningún lado, e o xel desinfectante para as mans tampouco, pero desinfectas con lixivia ou alcohol. O problema téñeno os que van coller o tren todos os días para ir traballar a Milán, que as precisan pero non as teñen.

«Teño dous amigos que levan 10 días fastidiados na casa e aínda non lles fixeron a proba»

As noticias e o crecemento exponencial día a día de contaxiados e de mortos fan que a preocupación aumente cada vez máis en Italia. Elena Ferradás explica que «nós non estamos no grupo de risco por idade, pero psicoloxicamente aféctache», e que «agora xa empezas a ter xente coñecida que está enferma, e vas vendo coma se se fose achegando máis».

Conta que «o problema é que como hai tantos enfermos non dan feito. Eu teño dous amigos que están na casa fastidiados. Levan dez días con febre alta e con todos os síntomas, e nin sequera lles fixeron o test. Estaban con antibióticos, e nada. A un deles acábanlle de facer unha placa para ver como tiña os pulmóns, pero ata que non ingresas e non che fan a proba non contas na estatística. Tampouco che dan atendido, todo porque hai moito colapso». «Están dicindo que queren facer probas sistemáticas, como se está empezando a facer aí e noutros sitios, pero non teñen capacidade», engade.

Están vendo tamén que «están facendo chamadas a médicos xubilados ou a calquera persoa que ten a licenciatura pero que ao mellor non exerceu, a todos os que teñan coñecementos sanitarios e que poidan botar unha man, e falan de que van vir médicos cubanos».

En canto á situación que se vive en España, a distancia vaise paliando con máis chamadas e estando en contacto directo coa familia. Os que están en Rodeiro «teñen que quedar na casa», pero preocúpalle especialmente «a miña irmá que é médica no hospital de Vigo».