«Nun concello pequeno a xente respéctate: o uniforme aínda impón»

Recoñece que no seu traballo prefire dialogar cos veciños que poñer multas


Lugo / La Voz

Nun concello pequeno a xente coñécese e acode aos veciños e veciñas. Se, por exemplo, o servizo de Policía Local ten só un axente, esa persoa atende cuestións propias do seu traballo e outras que se cadra, en principio, lle quedarían fóra. «Sempre temos que facer máis do que nos corresponde por lei», di Iván Pérez.

—Acódese máis á Policía Local nun concello pequeno?

—A xente chama. En calquera cousa que se lles ocorre, chama e di ‘que che parece?‘. O trato é máis próximo ca nunha cidade, e iso ten vantaxes e inconvenientes. Para levarte ben coa xente, é unha vantaxe; para denunciar, é un inconveniente, porque coñeces á xente.

—Pódese dicir, sendo axente de Policía Local, que A Fonsagada é un sitio tranquilo?

—Si. Non hai problema.

—Fai máis caso ás ordes e ás recomendacións a xente nun concello pequeno coma este?

—Na maioría dos casos é máis doado. Dialogas coa xente, e diche ‘non o volvo facer’.

—Hai máis respecto nun concello pequeno, con poboación algo maior?

—Segue habendo ese respecto. A xente maior, normalmente, respéctate; o uniforme impón.

—Emprégase esa proximidade para que a xente obedeza con mellor actitude e con máis facilidade?

—Si. É mellor dialogar que poñer multas.

—Cal é o principal problema, dende o punto de vista do seu traballo, na Fonsagrada?

—No tráfico, a travesía principal, avenida de Galicia e avenida de Asturias, porque hai tendas, a xente vén no coche para comprar e non hai moito sitio para aparcar.

—Condúcese mellor ou peor nunha vila ca nunha cidade ou non hai grandes diferenzas?

—Nunha vila pequena nótase máis, é máis difícil escapar do control. Nunha cidade pódense facer algunhas cousas, porque o condutor pasa máis inadvertido.

—Hai algún problema que se pode considerar propio, fóra do tráfico?

—As cortas de madeira. O motor económico deste concello é hoxe a madeira. Hai o madeireiro que non tramita o seu permiso, o que deixa as pistas mal despois do traballo... E nun concello coma a Fonsagrada, coa superficie que ten [443 quilómetros cadrados], imaxina.

—Pode dicir que experiencia paga a pena?

—Si. A xente acolleume de maneira agradable. A maioría da xente tenta facerche a vida máis doada.

—Bota de menos ter un compañeiro?

—Si. Se tes alguén ao lado, tes alguén en quen apoiarte. Pero tamén teño que agradecer o apoio dos axentes da Garda Civil da Fonsagrada. Eles, por desgraza, non teñen o posto completo polo que respecta ao persoal; pero apoiámonos en todo o que podemos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Nun concello pequeno a xente respéctate: o uniforme aínda impón»