Mantéñase en forma co tenente de alcalde de Lugo

Rubén Arroxo, adestrador de atletismo, ofreceuse a través de redes sociais para axudar á cidadanía a elaborar rutinas de exercicio coas que queimar enerxía


lugo / la voz

«Mantéñase en forma co tenente de alcalde». Ese podería ser o lema da iniciativa que Rubén Arroxo, segundo ao mando no Concello de Lugo, lanzou na noite do martes a través da súa conta persoal en Facebook, e que supón outra proposta en positivo nestes tempos de confinamento e solidariedade.

As restricións de mobilidade impiden que os veciños saian a pasear á rúa e manteñan unha vida activa. Isto, ademais de supoñer un baixón no fondo físico, pode influír á hora de elevar a tensión, a ansiedade e o estrés. Consciente de todo isto, Arroxo decidiu poñer o seu grao de area para axudar aos que llo demanden, aproveitando os seus coñecementos en materia de deporte.

«Os psicólogos falan de que a falta de actividade física pode afectar moitísimo ás persoas a nivel psicolóxico e no tempo que dure a crise calcúlase que se poden engordar ata 5 quilos. Esa falta de actividade física creo que é algo do que se fala pouco pero moi importante, por iso me ofrecín para facer rutinas de traballo que a xente que non saiba por onde empezar pode seguir na casa», detalla o político nacionalista. «A idea é que, quen queira axuda, que me pregunte por Facebook ou mail, e eu aconsellareino ou elaborareille unhas rutinas para que faga na casa».

O ofrecemento de Arroxo ten explicación. Dende pequeno é atleta e no ano 2005 comezou a adestrar a un grupo de deportistas, polo que coñece ben a materia. Quizais por iso ao pouco de colgar na súa conta en Facebook un vídeo co ofrecemento, e no que amosaba algúns exercicios que se poden facer no fogar, xa recibiu as primeiras peticións.

Á hora de deseñar as rutinas, Arroxo tenta adaptarse a cada caso. «Pregúntolles que actividade física están acostumados a facer, a idade e se teñen algunha patoloxía. Porque non é o mesmo deseñar para alguén de 20 anos que para alguén que ten dúas hernias», advirte. Con eses datos, elabora un pequeno plan de traballo para estas semanas.

Unha das premisas de Rubén é empregar obxectos que a cotío se teñen nos fogares para facer os exercicios. «Simplemente cunhas botellas de auga, o pau da escoba ou mesmo facendo autocargas, un pode manterse en forma perfectamente», razoa.

As pautas xenéricas que Arroxo recomenda son moi básicas pero efectivas. «Por exemplo, un exercicio podería ser traballo de skipping, que consiste en elevar os xeonllos. Tamén se poden facer semisentadillas, en función do estado de cada un, e empregar as botellas da auga como pesas para facer bíceps, deltoides... Aquí non estamos falando de poñernos cachas en quince días, senón de queimar enerxía para atoparnos mellor», receita entre risas o político.

 Como o punto de partida non sempre é o mesmo, Arroxo recomenda que alguén que non está acostumado a facer exercicio físico debería arrancar con rutinas de entre 20 e 30 minutos. «E ten que ser exercicio de repeticións que suban o pulso. A unas 120 pulsacións, se non hai patoloxías, porque así é como facemos traballo aeróbico, pero sen necesidade de grandes espazos», aconsella.

Nas súas recomendacións, o tenente de alcalde lanza tamén unha alerta. «Neste tempo hai xente que acode a YouTube a buscar tutoriais, pero eu recoméndolles que comproben ben a formación de quen os imparte e que se adapte a eles».

E como o primeiro é dar exemplo, Arroxo xa está aproveitando estes días o corredor da súa vivenda para manterse en forma. A pesar de que tivo que saír da súa casa para acudir ao Concello a reunións urxentes, tenta cumprir o confinamento. Cando remate a crise volverá a gozar das súas carreiras polo paseo do Miño. Mentres, adestra e traballa na casa. «E direi que non me chega o tempo a nada».

Rubén Arroxo: «Cando estudaba, a xente dicía de quedar e eu era o tolo que ía correr»

lorena garcía calvo

O atletismo foi a «columna vertebral» da vida do político, varias veces campión galego

Tres veces á semana Rubén Arroxo calza as zapatillas de deporte e sae a correr por Lugo. Faino para desconectar, pero sobre todo porque goza. Moito antes de que a política aparecera na súa vida, xa era atleta e coleccionaba medallas autonómicas. Hoxe dedica parte do pouco tempo libre que lle permite o seu cargo como tenente de alcalde a adestrar a un grupo de deportistas. Ten moi claro que cando as súas responsabilidades públicas rematen o atletismo seguirá na súa vida. É o seu fío condutor dende neno, di co seu perenne bo humor.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
35 votos
Comentarios

Mantéñase en forma co tenente de alcalde de Lugo