
O sistema permite manter o fío da aprendizase e manter o contacto entre profesores e alumnos
18 mar 2020 . Actualizado a las 22:44 h.Analizando as noticias que ían chegando a semana pasada sobre a expansión do COVID-19 e previndo unha posible suspensión temporal da actividade lectiva, o colexio salesiano de Cambados decidiu poñer en marcha unha ferramenta máis do G-Suite implantada xa ao longo deste curso: Google Classroom. Deste xeito, o alumnado foi aprendendo a traballar neste soporte educativo cos Chromebooks e desde o luns 16 de marzo está en contacto co profesorado e cos seus titores e titoras. Deles reciben tarefas, actividades, aprenden a través de xogos, comparten documentos, noticias, explicacións, resolución de dúbidas e o profesor de Educación Física propón actividades que poden realizar na casa para manterse activos fisicamente.
«O principal obxectivo é continuar, na medida do posible, o ritmo académico do curso, sempre tendo moi presente a realidade das nosas familias, pois non todo o alumnado está en condicións de recibir clases online».
«Non só empregamos dita ferramenta para desenvolver actividades académicas, tamén a empregamos para manternos próximos ao alumnado nestes tempos de illamento. Os rapaces e as rapazas estannos a transmitir como se senten», segundo explican desde o centro.
«Reforzando a consigna de #euquedonacasa, entre todos e todas debemos conseguir que o contacto virtual nos faga sentir preto uns dos outros e nos permita continuar dalgún xeito próximos no proceso educativo do alumnado».
Esta iniciativa encadra no proxecto Resiliencias que está a levar a cabo o colexio salesiano, co cal se invita ao alumnado a sobrepoñerse ás dificultades e traballar as fortalezas individuais.