Fran Cañotas: «Quedei impresionado con todo o talento que hai na cociña de Galicia»

b. pallas REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

CESAR DOMINGUEZ CASTRO

TVG estrea este mércores o concurso-reality gastronómico «Come a comarca»

17 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá mércores estréase en Televisión de Galicia o programa Come a comarca, un concurso gastronómico producido por Voz Audiovisual que conxuga competición, reality, humor, sorpresas e reivindicación da cociña tradicional das comarcas de Galicia. Dous equipos enfrontaranse en cada episodio. Dun lado, cinco concursantes que forman o equipo do programa. Doutro, un conxunto de chefs profesionais que traballan en cada zona. O mestre de cerimonias será Fran Cañotas (Arzúa, 1992), que despois de presentar espazos como En xogo, Liga das cidades e Adiviña quen ven esta tarde porase á fronte dun concurso culinario novidoso que vai romper moldes.

-¿Que novidades aporta «Come a comarca» aos concursos gastronómicos que coñecemos?

-O programa ten dúas partes. Unha primeira na que os aspirantes aprenden a cociñar os produtos, descobren o menú que van ter que preparar e visitan a produtores locais. E eu vou buscar a cociñeiros de cada comarca para facer un equipo potente. E despois está a proba final, na que fago de mestre de cerimonias entre ambos.

-¿Como vai ser a súa relación cos concursantes?

-A clave do programa, ademais de que o equipo e marabilloso, é o casting. As persoas que fixeron a selección son uns magos porque escolleron unha mestura explosiva. Por un lado temos a un exalcalde do Partido Popular de 65 anos que fai as cousas só á súa maneira e, por outro lado, a María José, que é blogueira e funcionaria da Xunta, moito máis calmada. Temos a Rulo, excantante da Panorama, que é unha estrela alá por onde vai. E Ofelia e máis Celia son dous casos aparte. A Celia vela de primeiras e parece unha rapaza calmadiña pero ten un xenio incrible. E Ofelia é vixiante de seguridade e estivo nun partido político contrario ao do alcalde. Tivemos todos unha relación fantástica durante todo programa. Era como estar nun campamento de verán. A televisión era unha experiencia nova para eles, pero a xente vaise dar conta de que fan moita graza e vainos querer un montón.

-O programa reivindica tamén a cociña tradicional galega e as distintas maneiras de preparar unha mesma receita.

-É un concurso de cociña tradicional, pero tamén ten a súa parte de cociña moderna. Non se fai cocido de Lalín, senón que se lle da unha volta. Noutros sitios si facemos a receita tradicional á maneira de sempre. Reivindicamos esas receitas que se están perdendo e que nunca se me pasara pola cabeza que puideran existir. A sobremesa que fixemos en Fisterra eu non a escoitara na vida. Vai ser unha labor de recuperación de receitas que xa non se usan. O programa é un formato en parte xa coñecido, pero modificado e adaptado á nosa gastronomía e cultura, á forma de pensar e de relacionarse coa cociña que teñen os galegos. Porque ao final este programa non deixa de ser unha romaría. É a xente da vila a que vota e decide quen gaña.

-E vostede, ¿ten boa man coa cociña?

-Ningunha. O día que o director e o produtor do programa me explicaron en que consistía eu pregunteilles se eran conscientes de que eu non tiña absolutamente nin idea de cociñar. Eu fago uns ovos, unha tortilla francesa, uns macarróns... Experimento ás veces e fago dourada ao forno, pero non teño nin idea comparado co que debería. E pensaron que así sería todo moito máis natural. Afortunadamente saíu ben e agora si que me animo a facer cousas a raíz do programa.

-De xeito que co concurso tamén se aprende...

-Eu aprendín moito, aínda que no programa non o demostro. Sobre todo ao ver aos cociñeiros e cociñeiras tan bos que hai por Galicia. Quedei impresionado coa cantidade de xente con talento que hai na cociña de aquí. Foi unha sorpresa moi agradable. E agora teño unha lista enorme de restaurantes aos que teño que ir.

-Agora vai ter que esperar uns días, ata que acabe a alerta.

-Si, pero seguen anotados. E esperamos visitar co programa aínda moitas comarcas máis.