David Novas: «O final da temporada de "A Estiba" vai ser moi sorprendente»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O actor que encarna ao alcalde de Ardora asegura que o episodio final, que este domingo emite TVG, «pecha un ciclo» na serie de Voz Audiovisual

25 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Para o actor David Novas, que interpreta a Marcos, o alcalde de Ardora, «A Estiba» supuxo un auténtico reto desde o punto de vista interpretativo. A serie ofrece mañá en TVG o seu capítulo final de temporada.

 -Quen é Marcos?

-Marcos é o alcalde de Ardora. El naceu e creceu na vila e chegou a ser alcalde moi novo. Polo que vimos nalgunhas situacións o cargo quedoulle grande, pero gañouse o favor dos seus veciños a base de loitar e non deixarse levar polas sombras dunha cidade como Ardora.

-Como foi o proceso de creación de Marcos?

-Nunca me enfrontara a un personaxe fixo desde o principio nunha ficción e supuxo un verdadeiro reto. Tiven a oportunidade de estar nas reunións previas nas que che contan o punto de partida do personaxe, as súas motivacións, o seu percorrido... Marcos, ao ser o alcalde de Ardora, móvese nun ambiente máis formal, polo que durante o proceso de creación estiven vendo discursos, mitins e roldas de prensa de moitos políticos para saber como se debería comportar e mover o personaxe nesas situacións e conseguir a maior veracidade posible. Tamén tiven moita sorte con Marcos porque agora resido en Madrid e cando tiven que ir á primeira proba de casting para o personaxe perdín o avión. Despois conseguín outro billete para voar ata Vigo neste caso, onde me recolleu a miña amiga Sheyla Fariña. Ao final cheguei á produtora con cinco minutos de adianto e pensei: o karma tenmo que devolver. E así foi [ri].

-Marcos foi un dos personaxes que máis sufriu en «A Estiba».

-O personaxe de Marcos creceu e evolucionou con todo o que pasou en Ardora. Ao principio non era capaz de procesar todo o que a cidade lle esixía e empezou un declive que non tivo marcha atrás. Pero el ama a súa cidade e iso é suficiente.

-Pero a pesar de todo sempre se apoia na idea de que Ardora pode ser un lugar mellor. Ata cando seguirá pensando o mesmo?

-Marcos adora Ardora e quere que todo vaia a mellor. Todo o que fixo ata o de agora foi en beneficio dos habitantes, pero tamén lle tocou vivir cousas moi feas e non está a ser nada fácil.

-Este domingo emítese o último episodio da temporada. Que atoparán os seguidores no capítulo?

-Esta temporada de A Estiba foi moi emocionante, onde non só tivemos a oportunidade de coñecer aos personaxes, senón que tamén vimos as reviravoltas desta cidade na que todo o mundo esconde algo e iso é moi divertido. Os espectadores van atopar un final de tempada espectacular, onde non van poder moverse do asento e onde se pecha un ciclo moi importante dentro da serie e facémolo pola porta grande. Eu vivín todos os episodios como espectador dunha forma moi emocionante. Creo que enganchou a todo o mundo e se a xente lembra todo o que houbo no peche do episodio nove, con todo o que pasou, seguro que se poden imaxinar que o final da temporada non vai ser menos, así que como espectador estou a desexando que chegue o domingo á noite. Ninguén pode perder o final da temporada de A Estiba porque vai ser moi sorprendente. Vai ter toda a acción á que estamos afeitos na serie. Vai haber moitas sorpresas e non van ser todas boas.