María Roja: «En "A Estiba" tiven a oportunidade de amosar unha personaxe cun perfil moi diferente»

H.R. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A actriz encarnará a unha xornalista que investigará o que se agocha tras un caso de asasinato no episodio que TVG emite este domingo

21 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A actriz María Roja interpreta a Amalia, unha xornalista de investigación en A Estiba, o thriller que emite Televisión de Galicia todos os domingos.

—Que pode contar da súa personaxe na serie?

—O que podo contar de Amalia, sen desvelar moito, é que é unha gran apaixonada pola súa profesión e o que máis lle gusta é a labor de investigación e o traballo de rúa máis que estar traballando sobre unha cadeira. Isto a leva asumir todos os riscos que implica o traballo de xornalista en Ardora porque digamos que emprega métodos pouco ortodoxos. Ela chega para investigar un caso de asasinato e quere descubrir o que hai detrás desa morte.

—Coñecemos a Amalia tendéndolle unha trampa a Cruz. Está disposta a saltar a súa ética por conseguir un bo titular?

—Poderiamos dicir que Amalia tamén ten algo de actriz porque é capaz de meterse na pel de quen lle conveña para poder conseguir os seus obxectivos e acadar a información que ela busca. É moi ambiciosa a nivel profesional. Ela móvese nunha liña moi fina entre o ben e o mal, ou entre o ben visto e o mal visto (ri).

—Como é a visión que ten Amalia da cidade Ardora?

—A ve con moita curiosidade tanto profesional como persoal. Desde logo é unha cidade que nunca dorme se falamos en termos de corrupción e aventuras. Entón é un foco de atención moi importante para desenvolver o seu traballo.

—Como preparou esta personaxe?

—Amalia ten de bo que me separou moito doutras personaxes que fixera no audiovisual no referente á televisión, porque estaba máis acostumada a facer personaxes de época, de mulleres fráxiles, enfermizas, pero en A Estiba tiven a oportunidade de amosar unha personaxe cun perfil moi diferente e foi algo que me divertiu moito. Así que por ese divertimento é por onde quixen levar a preparación polo que fun investigando por esas vías de curiosidade, de sedución e de trampulleira.

—No episodio deste domingo Amalia volve a «A Estiba». Que pode adiantar deste episodio?

—Amalia volve a A Estiba para seguir adiante coa súa investigación xornalística. Pero nesta cidade hai moito po baixo a alfombra. Entón ela chega para removelo e iso pode volverse perigoso tanto para ela como para a xente que implica o asunto. Gustaríame dicirlles que en Ardora nada é o que parece, nin sequera o que parece que é unha lea, aínda nos depara máis sorpresas e acaban aparecendo tramas das esquinas menos inesperadas, polo que non imos aburrirnos. Outro punto positivo de A Estiba é que, ademais de ser unha serie de acción, nunca se esquece das personaxes.

—Tamén está participando en varias producións teatrais.

—Efectivamente, agora mesmo estou na compañía Xarope Tulú con Nómades, un espectáculo familiar no que se fala da identidade de xénero co que faremos parada a mediados de xaneiro en Santiago. Tamén estou en Inmersa Teatro co espectáculo Té con Kant, co que iremos a Noia tamén en xaneiro. E tamén estou traballando nunha compañía que se chama Teatro Baixo da Area facendo unha adaptación de Poeta en Nueva York, de Lorca, que estrearemos a finais de xaneiro en Lugo.