Marcos Orsi: «As series necesitan un grao de credibilidade e de verdade moi alto»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O actor incorporouse á gravación de «A Estiba» (os domingos en TVG) no papel de Lionel, un poderoso construtor de Ardora

14 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O actor Marcos Orsi, que recibiu este ano o premio María Casares ao mellor actor secundario pola súa participación no espectáculo Commedia, incorporouse a A Estiba (os domingos en TVG) no papel de Lionel.  

-Hai uns episodios incorporouse a «A Estiba» cun novo personaxe. Que pode contar de Lionel?

-Espero non contar moito [ri]. Lionel é un construtor que está afincado en Ardora. É alguén con poder, con moita posibilidade de influencia e grandes pretensións para a cidade de Ardora. Lionel é un personaxe con moitas facetas, cunha personalidade complexa que iso sempre motiva moito aos actores para traballar.

-En «A Estiba» o público está acostumado a personaxes que non se poden etiquetar en bos ou malos. Tamén é así no caso de Lionel?

-Si, o que pasa que é unha persoa con moito poder e iso sempre é sospeitoso, máis que bo ou malo [ri].

-Un dos propósitos de Lionel é convencer ao alcalde para poñer en marcha un novo porto. Conseguirá o seu obxectivo?

-O obxectivo de Lionel é facer un porto de transatlánticos e iso é unha empresa importante que ten que conxugar moitos intereses. E Lionel ten que utilizar moito a man esquerda e a man dereita para conseguilo.

-Incorporouse á serie tamén coa gravación xa moi avanzada. Como viviu a rodaxe?

-O que pasa moito nas series cando hai unha data para acabar a gravación, sempre hai un pouco de nerviosismo. Pero Voz Audiovisual ten moitos recursos humanos, que é o máis importante do mundo, e iso é o mellor que ten, a xente que traballa alí.

-Desde o punto de vista actoral, como prepara un personaxe como Lionel, que polo que se intúe non ten moitos escrúpulos?

-Sempre que os actores, polo menos no meu caso, temos que facer un papel, tratamos de humanizalo, de facelo crible e de que os espectadores poidan recoñecelo e crelo. Agora que a televisión está tan envorcada nos realities, que é o que triunfa neste momento, as series necesitan un grao de credibilidade e de verdade moi altos. Entón creo que esa é a primeira labor que temos os actores. Facer crible o que din e o que fan os personaxes.

-Cales son os aspectos que axudan a dar veracidade aos personaxes?

-Pois sobre todo que estean ben escritos porque cando está ben xustificado e ben situado, se as tramas están ben armadas é moito máis fácil. O importante é o texto e a partir de aí, a visión que teña a dirección e a posta en común ben despois. Eu de A Estiba resaltaría o traballo dos guionistas e dialoguistas, porque coa trama e cos diálogos fixeron un traballo estupendo. Ao facer un personaxe tan rico, e tan ben estruturado facilita moito a interpretación e tamén motiva.

-Ademais de en «A Estiba» tamén podemos atopalo sobre as táboas.

-Pois si. Agora estamos con Commedia, que é un espectáculo de comedia del arte da compañía Contraproducións que recibiu o premio María Casares a mellor espectáculo a mellor vestiario e tamén a mellor actor secundario, co que faremos unha parada en Ourense o vindeiro xoves. E tamén segue a xira de Sénior, na que comparto escena con Luís Iglesia.