Héctor Carballo: «Na comisaría de Ardora non te podes fiar de ninguén»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

O actor afirma que o capítulo noveno de «A Estiba», que TVG emite este domingo, é «un dos máis decisivos de toda a temporada»

23 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O actor Héctor Carballo é o inspector Kubala en A Estiba, o thriller de Voz Audiovisual que cada domingo emite Televisión de Galicia no prime time.

-Quen é Kubala?

-Kubala é un dos inspectores de policía da comisaría de Ardora onde é a man dereita da comisaria Manuela Fortes. Como se pode comprobar nestes episodios sinte moita veneración, admiración e empatía por Manuela. Creo que Kubala achega os seus ollos e os seus oídos para os espectadores. É o personaxe que fai de observador do que acontece na comisaría [ri].

-O inspector non é home de acción. Nalgún momento coñecerase cal é o motivo dese trauma?

-Dende logo que ten un pasado truculento que oculta e que é o principal motivo desa situación. Pero para descubrilo haberá que seguir vendo A Estiba [ri].

-Como é a comisaría de policía de Ardora?

-A comisaría de Ardora ten as mesmas particularidades que a vila, que son que non te podes fiar de ninguén porque todo o mundo ten algo que ocultar e ninguén é bo de todo e ninguén é malo de todo.

-Kubala tamén oculta algo?

-Creo que Kubala é un dos poucos cabalos brancos que hai na serie, pero iso non quere dicir que non oculte segredos. Efectivamente, oculta segredos e é máis, o principal segredo que oculta é o motivo polo que non sae da comisaría.

-Entre os crimes, a corrupción e as loitas de poder, hai un lugar para personaxes amables?

-Ser moi boa xente en Ardora non te leva a ningún bo sitio. Por iso que aínda que dixen que Kubala é un cabalo branco, el é de Ardora e sabe onde se mete. É moi interesante o arco do personaxe a partir do episodio nove porque veremos como é o seu carácter. Kubala é bo, pero tampouco é parvo.

-Por que despois de tantos intentos, na comisaría aínda non conseguiron vencer ao mal de Ardora?

-Porque está moi estendido. O principal problema que teñen os policías de Ardora é a lei do silencio, porque todos teñen algo que ocultar. No momento no que todos teñen algo que calar é moi complicado chegar a descubrir a verdade, porque ninguén da toda a información por todo o que teñen que perder.

-As tramas que quedaron abertas do episodio anterior apuntan a que no capítulo deste domingo vai pasar de todo. Que pode adiantar do episodio?

-O capítulo nove é un dos máis decisivos de toda a temporada de A Estiba. Creo que é un episodio que marca un antes e un despois nos personaxes da serie e marca todo o que vai pasar a partir de agora. Así que hai que velo.

-Agora tamén está triunfando en Madrid con «La función que sale mal». Que pode contar desta montaxe?

-É unha comedia disparatada moi divertida que está presente en trinta países. Trata dunha compañía de afeccionados que intenta montar un thriller seguindo o estilo de Agatha Christie e todo sae mal ata que se converte nunha comedia marabillosa a pesar deles. De momento estamos en Madrid ata xuño e despois é posible que haxa xira pola península.