«A colección, feita con uniformes, aposta pola moda sostible»

maría meizoso AS PONTES / LA VOZ

SOCIEDAD

La diseñadora Noelia Tojeiro
La diseñadora Noelia Tojeiro

Noelia Tojeiro está convencida de que que o futuro da moda pasa pola reutilización dos residuos

19 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Acaba de engrosar o seu currículo cun novo título. Se o pasado mes de xullo a pontesa Noelia Tojeiro recibía o título de grao de Deseño de Moda da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, agora engade o primeiro premio Xuventude Crea 2019 na categoría de moda. O xurado valorou a vinculación persoal existente coa colección, bautizada como Tomba. «Vén da palabra remendo porque está feita por diferentes anacos que se unen para dar forma a cada unha das prendas», resume. Á hora de confeccionala, Tojeiro botou man dos uniformes de traballo de seus pais.

-Ademais da implicación emocional, o xurado tamén recoñeceu a orixinalidade do proxecto. ¿Como se lle ocorreu o de dar unha segunda vida a esas prendas?

-A filosofía é a do upcycling que está baseado na idea de converter un residuo en algo útil e valioso. Tratei de aproveitar os desperdicios facendo pezas coas que tamén podemos ir á rúa. Neste caso, a colección está feita a partir de uniformes de traballo sen estrear da empresa Galparquet. Xa non se podían utilizar porque os logos e as cores foron modificándose co tempo debido a cambios empresariais. Unha tarde estaba recollendo o garaxe e vin que tiñamos todos eses uniformes alí sen usar. Eu estaba buscando algo para o meu proxecto e pensei que podía ser o material perfecto.

-¿Que trazos marcan a colección?

-A aposta é por unha moda sostible. Na colección Tomba predominan as cores verde, marrón, azul mariño e gris. De aí partía. Tívenme que limitar tanto ao material, cunhas características moi concretas, como a esas tonalidades. Tamén tratei de facela unisex e sen tallas, dentro do que o material me permitía, para que tamén fora sostible nese sentido. Intentei abarcar todo tipo de prendas, con partes de abaixo e de arriba. Estou moi feliz co resultado e co premio porque para min, ao ser os uniformes cos que vin ir a traballar aos meus pais desde que era pequena, é algo especial e motivador.

-¿E para eles?

-Tamén é algo moi especial. Sen dúbida que están moi contentos e moi orgullos. Toda a miña xente, pero eles os que máis. Están moi sorprendidos polo resultado que conseguín. A verdade é que lles gustaron moito as prendas que logrei deseñar.

-O premio chega nun momento importante, tras completar o seus estudos. ¿O deseño foi sempre a súa primeira opción?

-Teño que recoñecer que si. Foi algo que me gustou desde pequena, sempre o dixen na casa. De feito, lembro como xa lle facía roupa as bonecas e como, desde ben pequena, andaba con debuxos de deseños. Afortunadamente, pouco a pouco, iso foise facendo unha realidade ata chegar a este momento. Agora mesmo o que máis me interesa é o tema da moda sostible. Creo que é o futuro e penso que podemos facer as cousas doutra maneira, así que gustaríame colaborar nese sentido.

-Esa viraxe cara o tema sostible, ¿cando chegou?

-Foi un proceso porque cando comecei a formarme non tiña tanta información. Pero a medida que fun estudando o meu interese por ese ámbito medrou, por saber como funcionaba esa industria, por coñecer diferentes empresas. E agora é a miña elección.

-Galicia é unha referencia no mundo da moda. ¿Imaxina o seu futuro aquí ou gustaríalle marchar?

-Teño que buscar traballo, así que o que me gustaría é atopar algo nalgunha empresa de moda sostible para poder desenrolar alí as miñas habilidades e para seguir explorando novas facetas dentro desta vertente que eu creo que é o futuro da moda. Nun principio si que me gustaría quedarme. A miña intención é poder facer algo desde aquí, desde a miña terra. Logo, se non é posible, pois claro terei que marchar, pero primeiro mirarei de intentar abrirme un oco aquí.

-¿En que espellos se mira?

-Fíxome en deseñadores e en empresas. En iniciativas como a que levou a cabo una gran firma de Corea que creou unha marca, Recode, para reutilizar todos eses residuos. Ese é o futuro.