César Longueira busca a un traidor en «A Estiba»

H. R.

SOCIEDAD

x

O líder dos estibadores sospeita dalgún dos seus homes. A partir das 22.00 horas, Televisión de Galicia emite hoxe un novo episodio do thriller

03 nov 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A partir das 22.00 horas, Televisión de Galicia emite hoxe un novo episodio do thriller A Estiba, no que César Longueira teme que un dos estibadores sexa un dos colabores da policía de Ardora.

Despois de que César Longueira tivese que suspender o traslado da mercadoría da última descarga por culpa do operativo de vixilancia que puxo en marcha Manuela Fortes, o líder dos estibadores ten a sospeita de que algún dos seus homes colabora coa policía facilitando información sobre os seus movementos. Consciente de que non pode quedar de brazos cruzados, César encargoulle a Salvador que atope ao traidor o antes posible.

Sen un minuto que perder, Salvador interroga a todos os estibadores, pero non tardará en decatarse de que o problema non está no porto, senón na taberna do porto. Aínda que Lucas sempre di que é un lugar neutral, a Suíza de Ardora, Salvador sospeita de que el é o confidente da policía e fará todo o posible por confirmar a súa sospeita.

Agardando a novos movementos de César e dos estibadores no porto, Manuela e Cruz tratan de desenmascarar á toupa da comisaría. Ramiro caeu na trampa que prepararon coas probas de ADN e agora ten moito que explicar. Nun duro interrogatorio de Manuela e Cruz enfrontarase a elas para defender a súa inocencia.

Tanto Manuela como Cruz son conscientes de que non están seguindo o procedemento, están dispostas a chegar onde sexa necesario para obter unha confesión de Ramiro e para que confirme a súa teoría: está implicado na morte de Eva.

Mentres tanto, o escandaloso vídeo do alcalde no que mantén relacións sexuais coa súa secretaria espallouse por toda a cidade de Ardora. Marcos é consciente de que a súa carreira política non se vai recuperar e, o que é peor, a súa relación con Rosalía Fortes tampouco. Para ela, a traizón de Marcos é imperdoable.

O que Rosalía aínda non sabe é que o seu pai, Emilio Fortes, é a persoa que está detrás da filtración do vídeo á prensa e que todo responde a un plan do ex comisario para afundir a Marcos e ocupar o seu lugar á fronte da alcaldía. Cal será o seguinte movemento de Emilio?