Tomás Batuecas, o químico físico que puxo a ciencia galega no mundo

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

xoan a. soler

Dende a súa cátedra en Santiago presidiu a Unión Internacional de Química Pura e Aplicada e publicou en revistas do rango de Nature cando España aínda estaba illada internacionalmente

07 oct 2019 . Actualizado a las 16:53 h.

«A unidade de masa atómica é a doceava parte da masa atómica do isótopo 12 do carbono». Cando esta definición mil veces repetida polo alumnado de secundaria foi aprobada pola comunidade científica internacional, quen presidía a comisión de pesos atómicos era un catedrático da Universidade de Santiago. Tomás Batuecas, estremeño de nacemento pero un home que foi quen de facer internacional a ciencia galega, é o investigador que este ano se homenaxea no Día da Ciencia en Galicia, unha oportunidade para «conectar o c de cultura o c de ciencia», segundo explicou Elena Vázquez Cendón

«Irrepetible». É o adxectivo co que Ramón Cid definiu a este científico, que case sen medios -cando chegou a facerse cargo da cátedra compostelá non tiña nin sequer laboratorio- foi quen de desenvolver estudios fundamentais con aplicacións en innumerables campos do coñecemento e da industria e a publicar en revistas científicas do rango de Nature nunha época, a do franquismo, na que España aínda estaba illada internacionalmente.

Ramón Cid é coautor canda Manuel Bermejo dunha unidade didáctica sobre a figura de Batuecas, da que o Consello da Cultura editou 2.000 exemplares que se van distribuir entre os centros educativos e ademais está dispoñible na páxina web do Consello da Cultura. Na presentación da guía participaron familiares deste científico inxustamente esquecido. «Destacaría, además de su labor científica, su labor docente y su figura humana», explicaba Tomás Batuecas, neto. «De alguna manera ha habido una continuidad familiar: él fue químico físico, mi padre fue químico y yo soy físico». 

De Batuecas, ademais da súa traxectoria e do importante da súa contribución científica, hai que subliñar os seus valores: rigorosidade, seriedade, honestidade, «valores que ao final na vida teñen recompensa», afirmaba o presidente da Real Academia Galega das Ciencias, Juan Lema. «Tiña moitas posibilidades de dicir que aquí non tiñamos medios, que estabamos afastados do mundo... Pero non. E a tenacidade levouno a estar á altura da ciencia mundial». Batuecas estudou as masas do alumunio, magnesio, silicio, sodio, potasio, arsénico e chumbo, pero sobre todo a do carbono. 

«Non hai futuro sen pasado», explicaba a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez, que estivo acompañada do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante a presentación da guía, que contribúe a rescatar biografías de persoas que, como Tomás Batuecas «fixo ciencia en Galicia e puxo a ciencia de Galicia no panorama nacional e europeo».