Nieves Herrero: «As mulleres seguimos encerradas na feminidade»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

LA ANTROPOLOGA NIEVES HERRERO
LA ANTROPOLOGA NIEVES HERRERO XOAN A. SOLER

«O estereotipo da muller galega está vinculado coa idea do matriarcado», di a antropóloga da USC

13 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Como é representada a muller galega? Que tópicos se utilizan? Existe realmente o matriarcado? Son algunhas das preguntas que a profesora de Antropoloxía Social da USC, Nieves Herrero, respostou onte na xornada sobre antropoloxía das mulleres do Consello da Cultura Galega.

-Entón, hai matriarcado?

-O estereotipo da muller galega está vinculado coa idea do matriarcado. Un estereotipo é un conxunto de ideas acerca de persoas ou colectivos que consiste na atribución dunha serie de características de modo fixo. Entre esas atribucións está a identificación coa muller rural, despois está esa idea de que é unha gran traballadora, tamén se formula como unha muller forte, capaz de realizar todos os traballos do campo tanto axudando ao home como en substitución deste, por exemplo cando se vai á emigración. É unha muller nai, o soporte da familia e tamén se lle atribúen as calidades de abnegación, do esforzo... Outra das súas atribucións é que ten unha gran autoridade dentro da familia. Aí enlaza directamente coa tese do matriarcado e habería distintas versións: a que ten un poder tal que a autoridade masculina queda anulada ata outras versións nas cales esa autoridade non anula completamente o poder masculino, pero queda un pouco cuestionado, relativizado, nalgúns aspectos minusvalorado e desacreditado.

-Pero non acontece así.

-É un estereotipo que se vai fraguando vinculado fundamentalmente á construción da identidade de Galicia. Está dentro dese discurso.

-Da Galicia nai.

-Esa presenza do estereotipo nese discurso identitario non é algo arbitrario, senón que é algo esencial, porque a construción identitaria de Galicia utiliza as mulleres como un símbolo fundamental para lexitimarse. Hai unha trama simbólica que asocia muller coa tradición, coa natureza, coa orixe... Vemos directamente este vínculo que leva moitas veces a presentar a nación como nai, non soamente en Galicia pero en Galicia.

-Tense avanzado en desterrar este mito?

-Nos anos 80 hai unha serie de obras que comezaron a deconstruír e a revisar o estereotipo. Os 80 tamén se corresponden no movemento feminista cos estudos de mulleres, que é cando as mulleres empezan a estudar ás mulleres. Hai un libro, As outras olladas, que recolle os traballos de investigadoras feministas que viñeron de distintas universidades do mundo.

-Se nos 80 se empezou a deconstruír o mito do matriarcado, ata que punto segue vixente?

-É un mecanismo de lexitimación da desigualdade. Sabemos que a discriminación das mulleres se pode facer por minusvaloración ou excelencia. As mulleres seguimos encerradas na feminidade, ese é o problema. É un mecanismo ideolóxico que non recoñece a individualidade. O estereotipo ten unha parte de verdade e por iso se asimila tan facilmente. Introduce sempre compoñentes emocionais: a nai, a pobre, a soa... Iso explica o arraigo que ten. Non é completamente falso pero totalmente simplificador e enmascarador dunha realidade que é moitísimo máis ampla. E as mulleres están metidas sempre no mesmo saco e reproducímonos nese esquema de feminidade en vez de un esquema de individualidade.

-Non reflexionamos?

-Como unha homenaxe ás mulleres pode estar reproducindo un concepto de feminidade que é precisamente o que nos discrimina? É importante como son pensadas e representadas as mulleres e iso nunca o cuestionamos. Facemos homenaxes as mulleres con imaxes das mulleres vítimas, nos seus roles tradicionais... Ao final facemos homenaxes á feminidade e repítense con tan pouca imaxinación... Pero non hai homenaxes aos homes. Hai homenaxes a homes concretos. Celia Amorós fala do espazo dos iguais e do espazo das idénticas. Eles son iguais e nós somos idénticas.

-Entón esta é unha sociedade hipócrita, que usa a excelencia para seguir discriminando.

- Esa é a palabra que utilizo eu. A hipocrisía.

-Pero é consciente?

-Creo que é unha mestura de ignorancia, de torpeza, de desidia, porque non interesa realmente. Hai moi pouca cultura feminista, incluso entre os que están favor da igualdade. Daste de conta de que segue asustando a palabra feminista, a palabra patriarcado... Non se entende o feminismo.