Rosalía Castro: «A trama dos Osorio vai dar un xiro moi interesante esta noite»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A actriz interpreta á ama de chaves da familia investigada en «Serramoura», que se emite en TVG ás 22.20 horas

02 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres prepara unha nova montaxe teatral coa súa compañía, a actriz Rosalía Castro fala do seu papel como Sandra, a ama de chaves dos Osorio en Serramoura. Esta noite, a partir das 22.20 horas, TVG emite un novo capítulo no que, despois de que Tomás apartase do caso á sarxento Neira, Roi Quiroga seguirá coa investigación da desaparición de Míriam de la Torre. Pero a decisión do tenente Penedo non supón ningún obstáculo para Marga que, pola súa conta, colocou micrófonos no pazo dos Osorio para descubrir o que agochan.

-Que atoparán os espectadores no episodio desta noite?

-A trama dos Osorio vai dar un xiro moi interesante no episodio desta noite. Haberá algúns personaxes que entran en xogo, que van crear moitas dúbidas nos espectadores. E como non podía ser doutro xeito, vai ter moita acción polo que haberá que estar moi atentos.

-Que supón para vostede estar nunha serie como «Serramoura»?

-Traballar en Serramoura é un pracer porque é rodar con compañeiros e compañeiras que levan case cinco anos inmersos en grandes historias. É unha honra traballar con xente á que admiro desde hai anos. Con algúns puiden traballar nestes episodios, como Nacho Castaño, Xúlio Abonjo ou Lucía Regueiro. Con outros non tiven o gusto de coincidir pero os sigo de cerca, como Isabel Naveira, Monti Castiñeiras e un longo etcétera, porque pasou moita xente pola serie e imos quedando poucos. E vivos, moitos menos (ri).

-Que pode contar de Sandra, a súa personaxe?

-Sandra é unha muller que traballa desde hai moitos anos na casa do señor Osorio. Despois de tanto tempo, acabou namorándose de Iván e parece que el séguelle a corrente, aínda que sexa para os seus propios beneficios. Ou polo menos esa é a miña visión como actriz (ri).

-Sandra é de fiar ou oculta algo?

-Penso que non ten nada que agochar. Pero si que ten que ocultar os segredos dos demais. Nese aspecto, é unha auténtica cómplice nesta historia. Ela está namorada de Iván e é capaz de facer calquera cousa por el.

-Arroxarase algo de luz neste caso que mantén tan ocupados a Roi e Marga?

-Penso que Marga e Roi terán máis pistas para resolver o caso.

-Sandra supuxo algún reto interpretativo para vostede?

-Si, porque intentaba dar esa dualidade que ten Sandra e que non é doada, porque o racord emocional, ese punto de ambigüidade e a falta de concreción, foi un pequeno gran reto. Sandra ten unha rectitude case de época, moi acorde con ese pazo no que transcorre gran parte da trama.

-Ademais de en «Serramoura», en que outros proxectos traballa?

-Estou comezando a adaptación coa miña compañía de teatro de El rey Juan, de Shakespeare, e con moitas ganas de volver traballar na terra.