«Lourdes é trigo limpo, aínda que todo o mundo pode ter un lado escuro en Serramoura»

H.R.

SOCIEDAD

*

A intérprete galega asegura que a súa personaxe rematará por atopar puntos de encontro con Marga

19 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Compaxinando a súa participación nos programas Malo será! e Luar coas clases e os espectáculos de improvisación, a actriz Lucía Veiga fálanos da súa participación en Serramoura.

-Improvisación, comedia, «thriller»... Non hai ningún rexistro que se che resista. Con cal estás máis cómoda?

-Eu son pallasa por natureza. O que pasa é que dentro de cada artista cómica hai alguén que pon unha máscara e está moi ben sacar ese lado serio e natural sen pudor, que é o que me pasa a min. Gústame quitar a máscara da comedia e deixar paso á Lucía que interpreta outro tipo de cousas.

-Que nos podes contar de Lourdes?

-Lourdes é unha guía turística que coñeceu a Moncho nunha viaxe e, a partir dese momento, é unha personaxe que chega á vila de Serramoura para complementar a vida da familia Neira. Os espectadores teñen que estar tranquilos porque Lourdes non lle quere mal a Moncho.

-Que supuxo a chegada de Lourdes para a familia Neira?

-A chegada de Lourdes á familia Neira foi unha auténtica revolución. Moncho non dixo nada ás súas fillas e ao final descubriron que seu pai tiña moza. Por iso estas cousas o mellor é contalas, porque se o ocultas parece que hai algo malo detrás. Raquel recibiu a nova con impacto, pero reaccionou moito máis rápido; Marga, polo seu carácter, non está poñendo as cousas fáciles [ri].

-Lourdes é de fiar ou, como sospeita Marga, ten algo que ocultar?

-Eu penso que Lourdes é trigo limpo, aínda que todo o mundo en Serramoura pode ter un lado escuro. De primeiras, Lourdes é verdadeira. Despois xa veremos [ri].

-Como evolucionará a relación de Lourdes con Marga nos vindeiros episodios?

-Eu penso que Marga e Lourdes atoparán o punto en común que teñen as dúas, que é o benestar e o cariño de Moncho. Lourdes non ten a confianza suficiente coas fillas de Moncho, pero veremos como está mirando por el e intentando axudar.

-Que supuxo para ti participar na nova temporada da serie?

-Foi unha sorpresa moi agradable. En Serramoura hai personaxes que pasan moi rápido porque todo é moi intenso, e chegar con Lourdes, que entra nunha parte da serie máis familiar, é como entrar nun oasis nese deserto de guerras internas que hai entre os personaxes da serie [ri].

-Tamén podemos seguirte en «Malo será!». É moi diferente preparar un personaxe para «Serramoura» e outros para un programa de sketchs cómicos?

-É totalmente diferente, pero son complementarios. De feito, se coincide a gravación na mesma semana é unha tolería, porque hai que cambiar o rexistro totalmente. Cando no mesmo día teño gravación de Malo será! con outra rodaxe pido por favor que me deixen ir primeiro ao drama e despois a Malo será!.