Petricor, o olor da morriña

SOCIEDAD

XOSÉ CASTRO

A ciencia foi quen de atopar a orixe do famoso aroma que produce a terra mollada cando regresa a chuvia tras varios días de tempo seco

17 may 2019 . Actualizado a las 11:25 h.

De todos os sentidos, o olfacto é o que está máis conectado coa memoria. «Sábese que o olfacto é capaz de evocar lembranzas con moita viveza e intensidade, pero non sabemos por que con certeza. Os recordos están fisicamente nos nosos circuítos neuronais. Cando lembramos algo estamos a activar un circuíto concreto. A información olfactiva procésase sen filtro previo no córtex piriforme. Isto significa que, mentres os outros sentidos pasan polo tálamo, onde son filtrados e procesados antes de chegaren ao córtex, o olfacto non, todo vai xa organizado nun paquete con contido emocional», comenta Casto Rivadulla, do grupo Neurocom da UDC.

Para os galegos hai un arrecendo que se asocia inmediatamente con Galicia, o que xorde a miúdo nun día de precipitacións despois de varias xornadas de tempo seco. Este aroma ten unha facilidade extraordinaria para espertar a morriña entre quen está lonxe da comunidade. O nome científico é petricor. Procede do grego petra, que quere dicir pedra, e ikhor era o líquido que corría polas veas dos deuses da mitoloxía clásica. Dende os anos 60 a comunidade científica tratou de atopar a súa orixe. No 2017 expertos do MIT (Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts) foron quen de reproducir en laboratorio a formación das pingas, que, cando impactan contra o chan, penetran no solo. Dependendo da porosidade, as pingas adquiren parte das propiedades e volven ascender formando aerosois que interactúan co aire e que logo move o vento. Esa mestura produce o petricor. Non aparece sempre que chove, senón unicamente en determinadas situacións: a precipitación ten que ser de tipo orballo e o solo debe ter certa porosidade.

 A base de ver caer a auga dende o ceo, os galegos desenvolvemos unha capacidade única para captar os matices que presenta unha xornada chuviosa. Neste sentido, parecémonos aos esquimós, capaces de distinguir un centenar de cores brancas. Isto soamente pode facelo alguén que viva no polo, rodeado de neve. O mesmo ocorre en Galicia coa chuvia: proba disto é que existen máis de cen termos para referirse a este hidrometeoro, e que foron recollidos nunha tese por Elvira Fidalgo, profesora de Filoloxía da USC. «As diferentes palabras teñen en conta a sonoridade e súa intensidade. Así, existe por exemplo bátega, que procede do latín battuere, bater. Utilízase nun día de chaparradas que caen con forza», explica.

En Galicia son moi frecuentes os días de ceo cuberto e chuvia feble. Para estas configuracións hai palabras como babuxa. «Esa sensación doce ligada á viscosidade da baba provoca que nunha tarde de chuvia fina e constante falemos de babuxada», engade. O galego recolle a riqueza meteorolóxica da nosa comunidade.