O serradoiro de «Serramoura» cambia de dono e altera o equilibrio de poder

H.R.

SOCIEDAD

-

TVG emite esta noite, a partir das 22.00 horas, un novo episodio deste «thriller»

20 abr 2019 . Actualizado a las 21:46 h.

Despois de superar a emisión 150.ª, a temporada de Serramoura segue adiante cun episodio cargado de novidades entre as que destaca o cambio de propietario do serradoiro. Esta noite, a partir das 22.00 horas, Televisión de Galicia emite un novo capítulo do thriller de Voz Audiovisual no que a toma de posesión do serradoiro por parte de Evaristo marca un novo fito nas tramas da ficción.

A guerra da madeira en Serramoura, que mantiñan en liza os Fiúza e os Soutelo desde tempos inmemoriais, viviu unha nova batalla na que Evaristo Fiúza ?personaxe que interpreta Antonio Mourelos? conseguiu o control da principal fortaleza inimiga: o serradoiro dos Soutelo. E é que, como quedou patente no episodio 150, a falta de atención por parte de dona Teresa ?papel que representa a actriz Uxía Blanco? deixara a empresa nunha situación moi delicada. E como en Serramoura están moi afeitos a que detrás dun problema apareza unha oportunidade, Evaristo non deixou escapar a ocasión de facerse coa empresa madeireira.

Este novo escenario modificou substancialmente o equilibrio de poder entre Evaristo e Teresa, ou iso é o que consideran os veciños da vila, alleos ao plan que puxo en marcha dona Teresa para acabar coa familia do seu contrincante dunha vez por todas.

Mentres tanto, no cuartel da vila os sarxentos Marga Neira e Roi Quiroga continúan adiante coa investigación do asasinato de Eduardo, o perigoso sicario que apareceu morto nos montes da vila.

Para Marga e Roi, a súa contorna cala máis do que fala e non dubidarán en interrogar ao sogro do finado e xefe dun perigoso grupo mafioso, Máximo Andrade (interpretado polo actor Miguel Pernas). Pero atopar a relación do acontecido co líder criminal suporá un auténtico reto para os investigadores.

Coma noutras ocasións, a esperanza do posto de mando de Serramoura para atopar algún tipo de proba ou relación que incrimine a Máximo Andrade estará posta en Quique e Patri, que utilizarán todos os recursos que teñen á súa disposición para axudar aos sarxentos. Por outra banda, despois de que Pancho descubrise o verdadeiro motivo da elección da vila para a posta en marcha dos negocios de Máximo Andrade, o personaxe que interpreta Xabier Deive buscará a colaboración de Santos para deter as intencións da banda criminal. Pero os que anteriormente foran grandes amigos e compañeiros de aventuras levan un tempo postos a mal, o que seguro que fará máis difícil un posible achegamento entre eles.

Pero nesta nova entrega de Serramoura tamén hai espazo para o amor. Despois de moitos anos vivindo unha vida en solitario, Moncho Neira, o pai de Marga e de Raquel, atopou moza. Despois de dar a coñecer a boa nova entre as súas fillas, chegou o momento de presentarlles a súa conquista cunha cea en familia, pero o principal problema é que tanto Moncho como Raquel teñen medo da reacción de Marga. Será do agrado da sarxento Neira?

Seguimento en redes sociais

Para seguir de preto a evolución de Serramoura, os espectadores poden descubrir todos os segredos da serie e estar ao tanto da gravación nas seguintes redes sociais: www.facebook.com/serramoura.serie; www.twitter.com/serramoura_tvg e www.instagram.com/serramoura.serie.