«A xente xa non pensa aquilo de "o que non vale para nada, para a hostelería"»

O focense Cristian Rodriguez e mailo valadourés Gabriel Vilar representarán a Galicia no certame nacional a finais deste ano

CRISTIAN RODRÍGUEZ
CRISTIAN RODRÍGUEZ

FOZ / LA VOZ

Por primeira vez na historia do Campeonato Gallego de Coctelería 2019, que celebrou a súa edición número 18 en Santiago de Compostela no Hostal dos Reis Católicos o pasado luns, dous mariñaos lideraron as dúas categorías de barman e barman novo. Foron, respectivamente, o focense Cristian Rodríguez (San Acisclo, 1985) e o valadourés Gabriel Vilar. Son os campións que representarán a Galicia no Campeonato Nacional de Coctelería, que terá lugar en Navarra a finais de ano, cita clasificatoria para o certame mundial. Rodríguez leva na actualidade, xunto á súa dona, A Tasquiña de San Pedro, na capital compostelá.

-A Mariña acadou pleno no campionato galego do 2019.

-Este ano foi pleno. É inaudito que dous mariñaos gañaran nas dúas categorías do concurso, en barman e barman novo. Eu cheguei ao primeiro posto, pero non contaba con el. A experiencia foi moi positiva, e o premio é a recompensa ao traballo, á dedicación a este mundo, á preparación para o campionato e á forma de traballar que teño.

-É a primeira vez que o consegue?

-Si, como campión é a miña primeira vez. Noutros concursos teño feito podio, pero con outros postos.

-Foi sorte, moita preparación...?

-Inflúe a sorte, pero tamén existen moitos outros factores. Tratei de conseguilo ano a ano, porque chegar e encher é complicado, por non dicir imposible. Eses premios especiais tamén che axudan a ver como traballas e en que puntos necesitas mellorar, co cal ao seguinte ano vas afinando as pequenas carencias, ata chegar nesta edición ao primeiro posto. Este ano puidemos elixir como un dos ingredientes un preparado por nós mesmos, con anterioridade, na casa. Eu desmarqueime un pouquiño do resto, dos xaropes, e levei unha clara de ovo con sabor cítrico. O meu cóctel era un grey goose de laranxa con vodka, curaçao vermello, xarope de mandarina, sour mix, nata, a clara de ovo e soda.

-Como fixo para prepararse e á vez atender o seu negocio?

-E con dúas nenas, xemelgas, dun ano, que o fan xusto este sábado! Foi a loucura máxima!

-Observando o mundo dos campionatos e o mundo da hostalaría parecen dous paralelos. Valórase como se debe ao camareiro?

-Falamos tanto da profesión de barista como de camareiro, e ata da hostalaría en xeral. Penso que se están facendo ben as cousas e a xente empeza a darse de conta de que non se trata de que «o que non vale para nada, para hostalaría», como se pensaba antes. Agora dáse de conta de que a preparación é máis intensiva, que tes que especializarte en algo, xa non é querer abarcar todo... Ten que estar mellor valorado o traballo. Os concursos non deixan de ser concursos e de ser un escaparate. Empresarios e casas comerciais vente traballar baixo presión e iso vale; despois, se levas un premio tamén lles valerá para dicir «mirade a quen temos traballando con nós». Eu teño un local: estou nos dous lados da barreira e entendo moitas cousas. Sempre digo que se tes posibilidades de marchar, adiante; tempo de volver á casa sempre tes. Na Mariña estanse a facer cousas interesantes e cada vez a xente sae máis preparada de Foz. O mundo barista é impresionante.

Gabriel Vilar preparando una bebida
Gabriel Vilar preparando una bebida

«Gustaríame conseguir algo importante no nacional»

Outra das categorías do XVIII Campeonato Gallego de Coctelería era a de barman novo, para menores de 27 anos, na que gañou Gabriel Vilar (Ferreira do Valadouro, 1993). Este premio importante a nivel galego, e que lle permitirá competir na fase nacional, pillouno nas vacacións e aproveitando «para descansar un pouquiño» antes de volver ao seu traballo no Parador Nacional de Turismo en Toledo.

-Tan novo e xa ten bastante experiencia en campionatos.

-Non é a primeira vez que compito, pero parece que cantas máis veces vou a un campionato máis nervios teño. Creo que é por «xogar na casa» e ver xente coñecida, como que te impón máis e é como máis responsabilidade.

-Que lle achegan ao seu currículo premios coma este?

-Máis experiencia, e, neste caso, a posibilidade de representar a Galicia no campionato de España. Á miña idade levo tres segundos postos e un terceiro no mesmo concurso, pero esta foi a primeira vez que escalei ata o primeiro.

-Como se preparou?

-Á preparación non podes darlle dedicación exclusiva se estás traballando; os horarios da hostalaría non son os mellores. Tes que buscar o momento oportuno, non podes nin dedicar 15 días ou mes a isto e tes que intentar adecuarte ao día a día. Eu fixen un cóctel de creación. Daban unha lista de ingredientes anteriormente e a única condición era que tiñas que levar algo feito da casa, algo caseiro. Eu levei un xarope de menta.

-Como é o nivel de competencia?

-Cada vez vén xente máis nova e cada ano a competencia é mais forte. Os que xa levamos un tempo contamos cunha experiencia.

-Nos últimos anos o oficio de barista foi collendo máis valor.

-Cada vez máis, pero aínda lle falta moito para asentarse, queda camiño para chegar a ter unha visión distinta, por exemplo, dun barman e un barista e un camareiro. Non se valora o suficiente aínda a palabra camareiro.

-Con que ánimo irá ao nacional?

-Como esta oportunidade non se dá a miúdo, gustaríame conseguir algo importante. Representando a Galicia só se conseguiron segundos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

«A xente xa non pensa aquilo de "o que non vale para nada, para a hostelería"»