O Consello da Cultura resume a investigación galega en 30 nomes

Tamara Montero
TAMARA MONTERO SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

Presentou unha escolma en papel do seu Álbum da Ciencia

19 feb 2019 . Actualizado a las 22:30 h.

«Esta escolma, igual que a vida mesma, comeza e acaba nas matemáticas». Encabeza esta Compaña dos inmortais científicos José Rodríguez, que naceu en 1770 nunha familia labrega do Deza e que foi nomeado polo Goberno de España comisario das Operacións para a medición do Meridiano de Dunquerque a Basilea. A procesión péchaa María Josefa Wonenburger, a muller de Oleiros que creou unha escola internacional de álxebra. O seu labor investigador tivo repercusión nas matemáticas, pero tamén na física de partículas e na informática. Entre un matemático e unha matemática, camiñan polo fío da historia científica de Galicia outros 28 nomes, os que escolmou o Consello da Cultura Galega e que agora están recollidos nun libro que lle serve á institución como «agasallo» -así o definiu Xosé A. Fraga- para celebrar a madurez do Álbum da Ciencia, que botou a andar no ano 2011 e que hoxe xa acubilla 284 biografías de homes e mulleres que fixeron avanzar Galicia.

«A cultura tamén é ciencia». lembraba Francisco Díaz-Fierros. Serve este álbum para coñecer e recoñecer a historia da ciencia galega. Serve tamén para facer xustiza, segundo subliñou Díaz-Fierros. «Este álbum é herdeiro dunha bibliografía científica que naceu no novo Seminario de Estudos Galegos que promocionou Díaz Pardo».

«O Álbum da Ciencia é un gran tesouro, e para poder compartilo e que se poida levar nos bolsos e nas mochilas dos futuros científicos e científicas de Galicia sae esta escolma». Así definía a coidada edición -que conta coas ilustracións de Nuria Díaz- outra matemática máis, Elena Vázquez Cendón. Os 30 nomes e as súas achegas serven tamén para dar a coñecer ás novas xeracións, á ciencia que virá no futuro, «como se dan os grandes saltos».