«En ''Serramoura'' están moi equiparados os personaxes femininos e masculinos»

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

A actriz Belén Constenla fala do seu traballo na serie de Voz Audiovisual

27 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Compaxinando o seu paso con Matadero, en Antena 3, a actriz Belén Constenla está moi agradecida co recibimento que tivo entre a audiencia de Serramoura a chegada da súa personaxe.

 -A súa incorporación como Tania Crespo foi un dos pratos fortes destes episodios. Quen é esta personaxe?

-Tania Crespo é unha muller segura de si mesma e que sabe o que quere. Non se amedrenta ante nada nin ante ninguén e é moi profesional. É unha xuíza moi responsable e rigorosa coa lei. Chegou a Serramoura para investigar o envelenamento da auga e, á parte desde traballo, atopouse con alguén do seu pasado que é moi importante para ela.

-Que verán os espectadores no episodio de «Serramoura» desta noite?

-Neste momento, en Serramoura está aberta a investigación dun perigo moi real que afecta a toda a poboación, polo envelenamento da auga que provocou Micaela Morais. Alén de toda esta historia, que é moi trepidante, a atención segue posta nesta relación que imos descubrindo entre Tania e Tomás, e, pouco a pouco, irase revelando o que ocorre entre eles.

-Que nos pode contar do que agochan Tania e Tomás?

-Tomás e Tania foron moi importantes o un para o outro no pasado. A súa relación rematou porque tiñan formas distintas de ver os procedementos da xustiza. Pero o cariño e o recordo dese amor pasado non rematou, e neste novo encontro van estar sempre nun tira e afrouxa, nun xogo de sedución e odio. Hai algo pendente entre eles e, agora que os dous son máis maduros, pois quen sabe o que pode pasar.

-Cada vez que chega un novo personaxe á serie sempre xorde a seguinte pregunta: ten algo que agochar?

-Eu penso que é un dos personaxes nos que está bastante claro polo que chega, por que quere seguir aquí durante un tempo e o que vai pasar [ri].

-Como ve o papel das personaxes femininas en Serramoura?

-Serramoura é unha serie na que está moi equiparado o papel dos personaxes femininos e masculinos, como pasa, por exemplo, con Marga ou Patri, que son mulleres que teñen un papel destacado na serie. Para min, este é un punto moi a favor desta serie. Eu entro agora en Serramoura, pero véxoa desde hai moito tempo, e é moi sinxelo comprobar que as personaxes femininas son de calado.

-Que supuxo para vostede participar nesta nova temporada?

-Traballar en Serramoura foi unha alegría tremenda, e cada vez que lía un guión a personaxe gustábame máis, porque é moi bonita e pódeselle quitar moita miga. Tamén é moi fermoso este xogo que teñen Tomás e Tania entre eles.

-Como foi a acollida de Tania Crespo polos seguidores da serie?

-Nese sentido, a xente involúcrase moito. A través das redes sociais tiven moitos parabéns e estou moi contenta [ri].