Xaquín Marín: «Sempre hai un pé que oprime»

Jorge Casanova
JORGE CASANOVA REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

Pinto & chinto

El humorista, muy de cerca

11 ene 2019 . Actualizado a las 11:41 h.

Nunha publicación da historia de La Voz de Galicia, converterse nun clásico é moi difícil. Xaquín Marín (Ferrol, 1943) éo. Leva trinta anos publicando unha «viñeta» cada día. Case once mil. Imposible disociar o principal medio de comunicación de Galicia deste observador crítico da nosa historia recente. Xaquín mudou a ría de Ferrol pola devesa de Montemolín (Badaxoz). Polo menos, durante un tempo. A neta tira moito.

-Xa queda en Estremadura?

-Paso temporadas, aínda que cada vez estou menos en Galicia. Aquí teño a filla e o neto. Meu pai tamén era de aquí.

-Pero vostede naceu en Ferrol, non?

-Iso din, eu non me lembro.

-Esa melena, esas barbas... Sempre as levou?

-Na mili non. Pero antes da mili xa tiña barba, eh?

-Onde a fixo?

-En Ferrol, voluntarios. Se a faciamos alí, podiamos seguir traballando. Eu entrei nos estaleiros aos 15 anos.

-Viviu toda a reconversión. Como a recorda?

-Foi unha época moi mala. Moi movida e moi traumática. Ata nas familias había discusións porque uns comprometíanse máis que outros... De todos os xeitos, eu estaba nunha oficina e non vivín o asunto con tanto drama.

-O de debuxar, dende sempre, non?

-Gústame moito o cine e lémbrome de que, de pequeno, cando saía do cine facía un cómic moi elemental coa película. Debuxaba moi mal, o que non quere dicir que agora o faga ben. Eu quería ser pintor, pero cando comecei xa me dicían que facía demasiada literatura humorística.

-Seguro que, de pequeno, facía caricaturas do mestre.

-Non, porque era meu pai, ha, ha. Na mili fixen algunhas, pero non as asinei. Non tiñan moito sentido do humor. Había un alférez que dicía que os mandos do Exército non podían ser feos, porque senón a tropa facíalles burla; que o tiñan en conta na Academia.

-Como chegou ao humor gráfico?

-Con dificultade. Eu marchei a Madrid tratando de ser pintor. Estiven deambulando coma un bohemio. Gustábame a revista La Codorniz, envieilles uns debuxos e aceptáronos. Logo volvín a Galicia e comecei a colaborar con outros periódicos.

-Lembra o primeiro debuxo que publicou en La Voz?

-Si. Foi cando botaron a Fernández Albor. Saía el dicindo: «Pero se non fixen nada!». Publicouse na primeira páxina cunha lenda que poñía: «Xaquín Marín en La Voz». Dende entón saíu un debuxo cada día.

-Imaxino que será moi difícil: un debuxo todos os días!

-É un oficio. Pero é verdade que é difícil atopar unha boa idea cada día. Ás veces son ideas atrasadas, o que escoitas ese día falar á xente....

-E ten as súas referencias. Isolino, o pé ese que nos esmaga...

-O pé foi un gran descubrimento. E vai funcionar toda a vida porque sempre hai un pé que oprime. Aínda que non sempre os que están abaixo reaccionan igual. Ás veces están contentas de ser oprimidas.

-Nunca tivo problemas con lectores agresivos?

-Unha vez recibín anónimos dun lector que os mandaba en papel de hoteis de cinco estrelas. Fóra diso, non. Teño un truco: case nunca personalizo.

-A quen caricaturizou máis veces?

-Seguramente a Fraga. E iso que fixen algunha da que logo me arrepentín. Porque, ao fin, todos temos o noso corazonciño e a nosa familia.

-Ten un humorista favorito?

-Teño moitos e coñezo algúns. El Roto encántame. O difícil deste oficio non é facer un debuxo ao día, senón acertar todos os días. Tamén me gustan Ángel Boligán e Dalcio Machado. Aínda que é xente que che quita a moral, porque pensas: «Eu non podo facer iso».

-Mudou tamén o marisco polo xamón.

-O marisco nunca me gustou. Igual, por non pelalo. Lembro unha vez que me puxeron percebes sen pedilos nun restaurante e eu pedín unha tortilla. O xamón é un manxar.

-E a retranca polo saleiro.

-Eu teño a teoría de que o humor vai máis por oficios. E a xente do campo teno parecido en todas partes. Aquí tamén son algo retranqueiros.

-Que é o que máis bota de menos?

-Que chova. No verán, cando chove, saio a mollarme.

-Cociña algo?

-Nada. Un ovo frito cando hai necesidade.

-Celta ou Dépor?

-Son do Racing, o que significa que non son do Dépor. De Pontedeume á Coruña son do Dépor, pero cara a Ferrol, non.

-Ten un lugar favorito, un sitio ao que lle guste volver?

-Si, Caaveiro. Non tanto o mosteiro como os arredores.

-Unha canción.

-Al alba, de Aute.

-Que é o máis importante na vida?

-A dignidade.