Rubén Lois: «Temos que ter orgullo polo rural»

O xeógrafo, experto en case todo o que ten que ver con Galicia, ten unha relación moi directa cos seus alumnos


Véxome con Rubén Lois (Palas de Rei, 1961) na ruidosa cafetería de Ciencias da UDC. O catedrático da Universidade de Santiago, ex-director xeral de Turismo e experto en case todo o que ten que ver con Galicia, dáme unha entrevista desas que, xa no momento da conversa, provoca malestar por todas as cousas que van quedar fóra. É que este home sabe moito.

-Dígame, que é un xeógrafo?

-Unha persoa que se preocupa por analizar o territorio e tamén por introducir certa orde nese territorio.

-Pois fagamos algunha desas análises. Demograficamente, como vai ser Galicia?

-Galicia vai ser o que nós decidamos que sexa, pero se seguimos coma ata agora vai ser un país de vellos. Iso é bo porque que vivamos máis anos é unha gran noticia para todos, pero teremos problemas de atonía económica, falta de dinamismo... Que hai que facer? Pois animar á xente nova a que se instale no territorio, nas áreas rurais, pero para iso fai falta emprego, un sobreesforzo no estado do benestar e tamén que veñan inmigrantes. O que temos que facer é xestionalos, non almacenalos.

-Á xente non lle gusta moito ir ao rural.

-Vivimos nunha sociedade que idealiza a cidade e despreza o rural. Iso ten que cambiar; temos que ter orgullo polo rural, porque, niso, España e Galicia son diferentes ao resto de Europa. O rural é un espazo moi prestixiado en Alemaña, en Francia ou en Inglaterra. O que é certo é que hai un problema de xénero: os homes viven mellor que as mulleres no mundo rural.

-Outra análise. Cara a onde vai Galicia tendo en conta o cambio climático?

-É que o tema do cambio climático non se aprecia nunha xeración. O que estamos a facer é levantar unha grande alerta porque estamos acabando coa calidade da atmosfera. Imos ter moitos desastres vinculados a inundacións, pero nas medias de temperaturas non vai haber tantos cambios como se cre.

-Vostede foi un neno de aldea?

-Máis ben un neno de cabeceira municipal, fillo de mestres, un dos primeiros resultados da incipiente clase media. E agradezo que meus pais foran profesores porque me criei no medio de moitos libros. Eu son xeógrafo por vocación; non recordo ningún momento da miña vida no que non quixera ser xeógrafo. E encántame viaxar. Presumo de ser un gran viaxeiro.

-Como se leva cos seus alumnos?

-Levámonos ben. Pense que en primeiro matricúlanse 50 alumnos. Hai un trato moi directo.

-É dos que suspenden moito?

-Depende, ha, ha. Normalmente non, pero ás veces, si.

-Vostede non terá medo a que lle revisen a tese.

-Ningún medo. Teño unha parte publicada e a outra no repositorio. Pero mire, para a Universidade isto é moi duro; o traballo universitario é moi serio, hai xente que rompe o espiñazo, que lles custa moitas horas e moitos cartos; que se banalice iso é tremendo.

-Defínase en poucas palabras.

-Moi atento e preocupado polo que pasa no mundo, viaxeiro, con moita sensibilidade social e con certa tendencia ao nomadismo.

-Tente facer o mesmo exercicio, pero agora con Galicia.

-Galicia é un territorio que ten tendencia a ser un paraíso, pero onde a súa sociedade tende a desorganizar ese paraíso. Galicia ten que ser unha tarefa de todos, pero empeñámonos demasiado en que Galicia sexa un territorio de leiras, de micropropiedades privadas.

-Celta ou Dépor?

-Celta, de toda a vida. Aínda que me encantaría que o Dépor ascendese.

-Ten algunha vocación frustrada?

-Mmmm... Tal vez actor, ou cantante, literato... algo cunha dimensión pública.

-Algo que lle dera fama.

-Non. A fama non me interesa. Nun momento interesoume. A fama non che dá autonomía. Eu son agora dos dez que mandan na xeografía internacional. Para min é unha recompensa, é suficiente.

-Fai algún deporte?

-Vou ao ximnasio e gústame. Ademais nos ximnasios ves perfectamente como está a sociedade. Tamén me gusta camiñar.

-Sabería facer un caldo galego?

-Si, eu cociño. O caldo non é o que máis teña feito pero faise ben, sen problemas. Gústame máis facer arroz ou pratos que leven peixe... Cociña tradicional. Aprendín a cociñar con miña avoa. Se estou moi estresado, cociño e cálmome.

-Sendo de Palas, faría o Camiño.

-Unha vez dende Padrón. Teño a compostela.

-Cite a unha persoa que lle impresionara.

-Mandela. Deunos unha conferencia en Durban e si, impresionoume.

-De que se arrepinte?

-De enfadarme ás veces moito. Teño moito xenio e teño que eliminalo. Non hai razóns para enfadarse moito.

-Unha canción.

-Unha de Bob Dylan, Hurricane, por exemplo.

-Que é o máis importante na vida?

-Ter amigos e estar nun contorno agradable.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
14 votos
Comentarios

Rubén Lois: «Temos que ter orgullo polo rural»